Terra de soños – Fuxan os ventos

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

Onte, a TVG, como contraprogramación ao partido entre o Barcelona e o Madrid, emitiu en diferido o concerto de Fuxan os Ventos en Santiago. O espectáculo chámase Terra de soños. Nel, os actuais membros deste mítico grupo galego, un dos pioneiros na música galega, interpretan cancións da súa ampla traxectoria musical acompañados de amigos e amigas que colabouraron con eles. O espectáculo cautivounos desde o primeiro momento cunha produción musical que estivo a grande altura, moi coidada e exquisita. Xunto a isto, a beleza expresiva da nosa lingua e da nosa música conseguiron que disfrutaramos duns intres máxicos.

Consideramos importante este proxecto xa que revaloriza e pon en actualidade perante os máis novos o labor deste grupo musical que tanto contribuíu ao espallamento da cultura galega.

I Ciclo de Órgano Santa Eufemia do Centro – Ourense

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

Organizado por CajaDuero-Obra Social, os días 8, 15 e 23 de novembro terá lugar o I Ciclo de Órgano en Santa Eufemia do Centro. Todos os concertos comezarán ás 20:15 h. con entrada libre.

O sábado 8 tocará o organista Juan María Pedrero Encabo. O sábado 15 de novembro, será a quenda do organista Roberto Fresco. O domingo 23 tocará a organista e profesora de Órgano do CMUS de Ourense, Soledad Mendive.

O organeiro Federico Acitores está a realizar esta semana traballos de posta a punto do instrumento para poder afrontar con garantías este ciclo de conciertos e deixar o órgano no mellor estado posible para o seu uso diario.

Para coñecer un poco máis este instrumento poden ler o artigo de OrganOurense.

O hidraulófono

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:RecursosXeral

As orixes do Órgano actual están ligadas á auga, posto que o seu antecesor foi o Hydraulus ou Órgano hidráulico. Este tipo de órgano utilizouse ata o século XII. Durante o Renacemento e o Barroco os órganos hidráulicos se construían en xardíns, covas e palacios. Desde o XVII caeron en desuso debido ao custe elevado do seu matemento.
No órgano hidráulico, un pequeno tubo está situado de xeito que un extremo está aberto ao aire y e o outro chega ata un tubo máis grande que contén agua dunha fonte, lagoa ou encoro. Canto máis longa sexa a caída vertical da agua, máis poderosa será a succión e maior será o volume de aire aspirado.
A nova tecnoloxía permite inventar novos instrumentos. O hidraulófono emprega a auga para producir son. Os dedos tapan chorros de auga para xerar o son. Vexan algunhas posibilidades deste instrumento:

XIX Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

Os días 17, 24 e 31 de agosto, na Colexiata Santa María A Real de Xunqueira de Ambía, Ourense, ás 20,00 horas, con entrada libre, desenvolverase o XIX Ciclo de Órgano e Música Antiga. Este evento está organizado polo Concello de Xunqueira de Ambía e subvencionado por CajaDuero e a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia.
Un ano máis chega ata nós este ciclo tan fermoso e como de costume, cunha grande calidade nos intérpretes. O día 17 de agosto, tocará Carlos Rodríguez Lajo, organista salmantino que representa á nova xeración de organistas. O día 24 de agosto, será a quenda de Juan de la Rubia, o organista máis galardoado da súa xeración e un auténtico mestre da improvisación. O día 30, Soledad Mendive (Órgano), concertista e profesora de Órgano do CMUS de Ourense e Sergio Guarné (trompeta) toca¡rán a dúo e como solistas, aportando variedade ao ciclo.
Esperamos a calorosa resposta do público que, ano a ano, vén respondendo admirablemente ante a calidade dos músicos e da música que soa dentro deste fermoso templo e que ten como protagonista a ese marabilloso órgano ibérico, que recibimos dos nosos antergos e que, entre todos, temos que coñecer, valorar e mantelo nas mellores condicións posibles. Este é, sen dúbida, un dos obxectivos principais deste ciclo.

Un xogo de mans: Batom

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:RecursosXeral

Seguimos cos vídeos de aló do Atlántico. Neste, poden observar variantes sobre un xogo de mans, que se poden aplicar aos xogos de mans que as nosas rapazas (e rapaces) desenvolven nos recreos e tempos de lecer. Xa saben que isto dos xogos vai por temporadas: a temporada das canicas, dos xogos de mans, da corda, da goma …
Batom

Un xogo de vasos – Escatumbararibé

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:RecursosXeral

Escatumbararibé, un estupendo xogo de vasos para fixar un obstinato e ilo pasando nun corro de rapaces. A verdade é que ten o seu aquel aprendelo… Provén do Brasil. A letra da canción é un xogo de palabras sen sentido, pero que se queda moi ben na memoria:

Zum Zum Zum
Escatumbararibé
Escatumbararibé
Escatumbatinga
Aué sarubé abais
Escatumbararibé
Escatumbatinga.

Aquí vai a ligazón ao vídeo.

Atopada unha nova obra de Bach para órgano

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

Uns musicólogos da Universidade Martin Luther de Halle -Wittenberg (este de Alemaña) acharon unha composición para órgano de Johann Sebastian Bach da que só se coñecían ata agora os primeiros cinco compases.
Segundo comunicou a universidade, trátase dunha fantasí­a en torno a un coral de Bach, unha copia realizada polo compositor, organista e cantor de Leipzig Wilhelm Rust (1822-1892).
A composición foi analizada exhaustivamente polos expertos Hans-Joachim Schulze e Peter Wollny do arquivo de Bach en Leipzig, polo que a Universidade de Halle non ten dúbida algunha de que se trata dunha obra orixinal do compositor.

Festival de Música “Espazos sonoros”

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia organiza desde o 9 de abril ata o 14 de xuño, en catedrais, igrexas, pazos… un festival de música co nome Espazos Sonoros.

Desenvolveranse 5 ciclos de concertos: Ciclo de Cámara, Ciclo de Música Antiga, Ciclo de Órgano, Ciclo Vogal e Ciclo de Outros Sons.

Semella unha proposta interesante e un xeito de poñer en valor o patrimonio galego tanto arquitectónico coma musical, así como promocionar a artistas e grupos galegos ou doutros países.

Obras Mestras de Música – Biblioteca Nacional

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

A Biblioteca Nacional pon a disposición de todos unha serie de obras mestras dixitalizadas, a biblioteca dixital hispánica, para poder ver en liña. Entre as Obras Mestras da Música atópase o libro “Libro de Música para tecla, arpa y vihuela” de Antonio de Cabezón, no que se pode admirar a arte do cifrado.