Unha mostra do bo facer deste trío de cantareiras que está realizando unha tarefa en prol do folclore galego: achegalo ás novas xeracións e a público xoven. Innovación desde o respecto ás esencias da tradición. Grazas, Tanxu…!
Esta famosa melodía de Schumann é unha das primeiras coas que os e as xóvenes pianistas deben enfrontarse. Pertence ao seu álbum titulado Álbum da xuventude, onde recolle unha serie de pezas orixinais xunto con consellos para guiar aos principiantes na arte de tocar o piano.
Rainer Hersch é un continuador dunha forma de facer música e humor que practicaron grandes figuras que aunaban coma el un enorme virtuosismo musical cun dominio da escena e das claves da comedia, como Doodley Moore ou o mesmísimo Víctor Borge e demais.
No seu espectáculo Funkiest JS Bach EVERT!, Rainer incorpora unha versión xenial para grupo instrumental da tocatta correspondente á Toccata e fuga para órgano en re menor de JS Bach. Aquí está o resultado:
Moisés Quintas, mestre, músico, compositor, pedagogo musical, vén de publicar na Editorial Canela, un libro-disco, trilingüe, titulado Terra e Alma.
A publicación está centrada nos Alalás, eses cantos ancentrais homófonos, de temática amorosa en todos os sensos do termo, de ámbito melódico máis ben reducido, con variedade modal (maiores, menores, eclesiásticos…) e cunha melodía flexible ritmicamente, doce e con melancolía.
O libro consta dun estudo sobre o alalá cun interesante resume final e partituras das músicas interpretadas no disco adxunto. Con cada partitura ofrécese unha fermosa fotografía relacionada, realizada polo fotógrafo Carlos Valcárcel Gay.
No disco podemos disfrutar de gravacións instrumentais (guitarra, zanfona, gaita, frautas traveseiras, ocarina, pitos de cana e de buxo, frautas de óso e caramela…) de 28 alalás tradicionais recollidos ou compostos por diversos autores, mesturados con sons da terra (chuvia, carro, campás, paxaros, río, sons propios de traballos agrícolas tradicionais…).
Consideramos este novo traballo de Moisés un gran acerto. Por un lado está a idea de relacionar cada alalá cunha fotografía evocadora ou relacionada; por outro, a escolla do branco e negro, que potencia o carácter ancestral; e, por último, a fusión dos sons variados da paisaxe galega coas interpretacións musicais. Tamén temos que salientar a musicalidade das interpretacións, que potencia o carácter sinxelo desta música, pero dunha calidade artística extraordinaria, e que consigue equiparar a expresividade da melodía instrumental á que é propia da voz humana.
Música, son e imaxe que saen da terra e da alma do noso pobo.
A Partita para violín en re menor BWV 1004 de Bach inclúe unha chacona, termo musical relacionado coa arte da variación. É unha peza sobrecolledora, ao parecer composta despois da morte da súa primeira esposa.
Guidon Kremer, cunha interpretación certamente limpa e clara con certo rubato, móstranos a peza para violín:
Brahms ideou un estudo para piano para a man esquerda cunha versión desta chacona. O pianista Sergey Kuznetsov marabíllanos con esta magnífica interpretación:
Ferruccio Busoni, neno prodixio e pianista virtuoso, quixo aportar o seu gran de area na recreación desta obra e compuxo unha versión a dúas mans para piano da chacona. A pianista Hélène Grimaud intepreta esta peza:
Estamos castigados! En Ourense levamos 14 meses sen música de banda. O conflito xurdido entre a asociación Ricardo Courtier e o Concello que rematou na convocatoria dun novo concurso está aínda sen resolver. A pesares das mostras e mobilizacións de apoio á banda que se desenvolveron, semella que os responsables culturais do Concello, respaldados polo sr Alcalde, castigaron á cidadanía á total prohibición da música de banda, tamén nas festas maiores da cidade, nas que non se programou ningún, repetimos “ningún”, concerto dunha banda de música procedente de calquera punto da xeografía galega ou española. Un auténtico despropósito! É negarlle o disfrute aos ourensáns e ás ourensás dunha manifestación cultural que se remonta a finais do século XIX, que conserva e difunde un patrimonio musical e inmaterial que é de todos nós; elimina un importante elemento dinamizador para os compositores e músicos actuais; anula un fantástico recurso educativo musical que se ofrece a toda a poboación (si, escoitando música as persoas se educan musicalmente e conseguen esa educación integral á que todos e todas aspiramos). Por outra banda, semella que esta medida contribúe a darlle pulo ao conflito case persoal que determinado grupo municipal mantén contra a agrupación ourensá.
Desexamos que a música de banda estea axiña de volta soando nas nosas rúas, prazas e auditorios. Todos seremos un chisco máis felices.
A Festa dos Maios 12016 coincidiu en Ourense o día 1 de maio. Este día xuntábanse unha feira de artesanía (xa hai anos que isto sucede) e as manifestacións dos sindicatos polo Día do Traballo. Moita xente na Alameda do Concello.
Unha festa que pretende manter unha tradición: a construción dun maio xunto coas súas coplas correspondentes. Pensamos que se debe potenciar o axustarse aos cánones da tradición, sempre e cando isto non supoña un deterioro do medio ambiente. Esta primavera ten chovido moito e o musgo e demais elementos naturais foron moi abundantes.
A nós particularmente gústanos o maio tradicional, esa pirámide ergueita cuberta de musgo, rematada cunha cruz e adornada con carrabouxos, que debuxan bonitas figuras, e con xestas brancas e amarelas. Un maio cada vez menos presente na festa.
Consideramos que permitir “maios” feitos con materiais reciclados plásticos ou outros semellantes a proxectos da asignatura de Tecnoloxía da ESO, empobrece a festa. Recoñecendo que son boas ideas, cremos que non é a festa dos maios o lugar idóneo para mostralos ao público.
Tamén pensamos que acompañar o canto das coplas con guitarras contribúe a introducir un elemento alleo á tradición: aquí sempre foron as coplas cantadas a capella. Non aportan nada, posto que a melodía do canto é tan sinxela e a harmonía Tónica-Dominante-Tónica tan evidente que empobrece o carácter crítico da letra e dálle certo aire “monxil”.
A organización debería recuperar a participación de certas asociacións de veciños que, sobre todo na categoría de maio artístico, soían deixar coa boca aberta ao público recordando vellas escenas tradicionais do noso pasado labrego e gandeiro.
O xornal La Región publica unha galería sobre a Festa dos Maios 2016.
O proxecto de gravar toda a obra de J.S. Bach en formato dixital de calidade e ofrecela en streaming accesible a calquera persoa arrancou oficialmente o 2 de maio de 2014. Este proxecto chámase All of Bach.
Está respaldado pola Nederlandse Bachverenining e dirixido por Jan Van den Bossche. Quere ser coma un resumo dun período moi importante na historia da práctica interpretativa da música barroca. Cada semana, máis ou menos, engádese unha nova interpretación. Ademais de poder vivir a música, tamén nos proporcionan informacións variadas sobre a partitura, o instrumento ou o intérprete da cada unha das gravacións.
Como mostra, nesta ligazón pódese gozar coa Toccata e fuga en re menor BWV 593, Dórica (así chamada na Edición Peters para diferenciala da outra máis famosa). Está interpretada polo organista Leo Van Doesebaar no órgano da Walloom Church, en Holanda.
Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información.
ACEPTAR