Tag Archives: Brahms

2º movemento do Concerto nº1 para piano – Brahms

Johannes Brahms escribiu dous concertos para piano e orquestra. O primeiro concerto foi composto dezasete anos antes da súa 1ª Sinfonía. A súa xénese demorouse cinco anos xa que a versión definitiva vén da adaptación a orquestra dunha sonata para dous pianos que o compositor tiña no seu caixón.

Os tres movementos deste primeiro concerto son magníficos. O segundo amosa un Brahms íntimo, reflexivo e apaixoado ás veces, tamén resignado…

Amosamos tres vídeos con tres pianistas solventes, auténticos ARTISTAS. Cada un, xunto co correspondente director da orquestra, amosa unha forma diferente de abordar as dificultades técnicas e expresivas: tempos, fraseos, matices, rubatos…

Maurizio Pollini, de quen se cumprirá mañá 23 de marzo o primeiro aniversario do seu pasamento, toca xunto coa Staatskapelle Dresden e Christian Thielemann como director:

Daniel Baremboin interpreta o mesmo movemento acompañado pola Staatskapelle Berlin con Gustavo Dudamel como director:

Kyristian Zimerman coa Berlin Philhamonic Orchstra dirixida por Simon Rattle:

Escoitar estas tres versións e apreciar as súas diferenzas e semellanzas constitúe un excelente exercicio de educación musical.

Cuarteto con piano con piano nº 3 op 60 Brahms – III Andante

Este Andante do cuarteto con piano nº 3 op 60 de Brahms posúe un encanto especial. Formalmente é unha forma ternaria modificada ABCA’. A sección A empeza cunha melodía formada por sucesións de terceiras descendentes a cargo do violoncelo. É un melodía fermosa, potente e delicada á vez, interrogativa e afirmativa, romántica..
Aquí a interpretación dos irmáns Coucheron, piano e violín; Jennifer Stumm, viola e Efe Baltacigil, violoncelo.


Finou Dietrich Fischer-Dieskau, o grande barítono

O grande barítono Dietrich Fischer-Dieskau faleceu este venres na súa casa de Berg, Baviera, aos 86 anos. Podemos dicir del que foi o barítono por excelencia no eido da interpretación dos lieds de Schubert, Schumann, Brahms e demais compositores románticos e post-románticos.

O vídeo que a continuación presentamos supón unha mostra da calidade artística do noso barítono, onde expresa con fondo sentimento e grande contención á vez o texto deste lieder de Brahms, pertencente a Catro cancións serias op 121. É a número 3, O Tod, wie bitter bist Du? (Oh, morte, que amarga es?).

Atopada unha nova obra de Brahms: Albumblatt

O pasado 15 de xaneiro saltou aos medios a aparición dunha nova obra para piano de Brahms, titulada “Albumflatt”. Esta folla de álbum foi escrita polo compositor alemán en 1853 cando contaba con 20 anos. O achádego realizouno o director de orquestra Christopher Hogwood na biblioteca musical da Universidade de Princeton.

Aquí aparece gravada por Andras Schiff:

Este tema foi empregado por Brahms no segundo movemento do Trío para trompa, violín e piano Opus 40,(no vídeo a partir do minuto 2:56):

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies