Terra e Alma – Moisés Quintas

Moisés Quintas, mestre, músico, compositor, pedagogo musical, vén de publicar na Editorial Canela, un libro-disco, trilingüe, titulado Terra e Alma.

A publicación está centrada nos Alalás, eses cantos ancentrais homófonos, de temática amorosa en todos os sensos do termo, de ámbito melódico máis ben reducido, con variedade modal (maiores, menores, eclesiásticos…) e cunha melodía flexible ritmicamente, doce e con melancolía.

O libro consta dun estudo sobre o alalá cun interesante resume final e partituras das músicas interpretadas no disco adxunto. Con cada partitura ofrécese unha fermosa fotografía relacionada, realizada polo fotógrafo Carlos Valcárcel Gay.

No disco podemos disfrutar de gravacións instrumentais (guitarra, zanfona, gaita, frautas traveseiras, ocarina, pitos de cana e de buxo, frautas de óso e caramela…) de 28 alalás tradicionais recollidos ou compostos por diversos autores, mesturados con sons da terra (chuvia, carro, campás, paxaros, río, sons propios de traballos agrícolas tradicionais…).

Consideramos este novo traballo de Moisés un gran acerto. Por un lado está a idea de relacionar cada alalá cunha fotografía evocadora ou relacionada; por outro, a escolla do branco e negro, que potencia o carácter ancestral; e, por último, a fusión dos sons variados da paisaxe galega coas interpretacións musicais. Tamén temos que salientar a musicalidade das interpretacións, que potencia o carácter sinxelo desta música, pero dunha calidade artística extraordinaria, e que consigue equiparar a expresividade da melodía instrumental á que é propia da voz humana.

Música, son e imaxe que saen da terra e da alma do noso pobo.

Unha pequena mostra:

Guía didáctica dos instrumentos galegos – Moisés Quintas

Moisés Quintas presenta esta tarde ás 20:00 h. nos locais da Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo a súa publicación titulada “Guía didáctica de instrumentos galegos”. O autor mostra unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución.

Ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio con todos os instrumentos, esta guía preséntase como unha excelente e práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega. O CD inclúe ademais unha pista interactiva en formato web con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos.

Estrella de la mañana – Joaquín Broto

Dentro da colección “Órganos Históricos en Aragón”, dirixida por Jesús Gonzalo López, o volume IX está adicado ao órgano de La Seo de Zaragoza. Este instrumento posúe unha caixa gótica basada na de Johan Ximénez Garcés en 1469 mentres que o órgano en si está restaurado, en 2003 por Gerhard Grenzing, segundo a última gran reforma de 1858 realizada por Miguel e Pedro Roqués.
O título do disco é “Estrella de la mañana“. Está íntegramente adicado a unha escolla de música para órgano do compositor Joaquín Broto Salamero (1921-2006).
A intérprete das obras é a organista Soledad Mendive.
Estamos ante un disco cunha edición inmellorable, con abundante información sobre o compositor, a súa época e a súa música; sobre o órgano, a súa composición e a súa historia así como un reflexo íntegro de todas as rexistracións utilizadas en cada unha das obras. Un son claro e diáfano xunto cunha excelente interpretación ademais dunha eficiente e moi expresiva rexistración, fan deste disco un CD de calidade a ter moi en conta nunha completa discografía arredor do órgano. Ademais, descubrirán un magnífico compositor e admirarán o son dun órgano espectacular.
Un anaquiño (menos dun minuto) da obra Balada en Eco:

Timoteo e o ladrón de cancións

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Libros-Discos

Dentro da colección de contos musicais de Agruparte, e pertencente ás novidades do ano 2006, podemos destacar un conto titulado Timoteo e o ladrón de cancións. Este conto, en Castelán, gañou o I Concurso de Contos Musiciais da FOFGC. O autor da música e do texto é José Antonio Esteban Usano. Un conto interesante, con momentos argumentais e musicais ben conseguidos. Por certo, Timoteo toca a gaita e claro, como non forma parte da orquestra sinfónica, a instrumentación que simula unha gaita é o oboe como punteiro e o corno inglés como roncón coa axuda do clarinete para redondear a melodía. Este sería un bo conto para traducilo ao galego e utilizar a gaita galega coa orquestra, cousa que non tería que escandalizar a ninguén.

Novidades discográficas

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Libros-Discos

Lemos en musicaporuntubo a reseña de dous novos discos no panorama galego:”O quiquiriquí“, sobre o Nadal, e “Cartas que veñen e van“, un proxecto que integra a aprendizaxe e o ensino de todas as linguaxes cos contidos da educación infantil e do primeiro ciclo da primaria…

O mestre invita a un concerto

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Libros-Discos

O estupendo director de orquestra, Leonard Berstein, creou escola cos seus concertos didácticos. Este libro, da Editorial Siruela, recolle o guión de 15 deles, moi interesantes, que son camiño para escomezar con bo pé na divulgación musical para os xóvenes.