Galicia, Marcha Triunfal – Marcial del Adalid – Douscentos anos do seu nacemento

Este ano cúmprese o douscentos aniversario do nacemento do pianista e compositor coruñés Marcial del Adalid y Gurréa (1826-1881). Segundo Laura Touriñán, que realizou a súa tese doutoral na USC investigando a vida e obra deste autor, Marcila del Adalid é pioneiro e figura fundamental do Rexurdimento musical. Bebeu das fontes do Romanticismo, do cal foi un introdutor na Península Ibérica. Tamén sentou as bases da melodía lírica galega empregando a música popular galega como base da súa creación, xa empregándoa directamente nas súas obras como utilizando xiros melódicos, ritmos tradicionais e xogos tímbricos propios do noso folclore.

A súa biografía e a súa música está recollida pola RAG neste enderezo.

Como contribución a este conmemoración, Alejo Amoedo interpreta Galicia, Marcha Triunfal.

2º movemento do Concerto nº1 para piano – Brahms

Johannes Brahms escribiu dous concertos para piano e orquestra. O primeiro concerto foi composto dezasete anos antes da súa 1ª Sinfonía. A súa xénese demorouse cinco anos xa que a versión definitiva vén da adaptación a orquestra dunha sonata para dous pianos que o compositor tiña no seu caixón.

Os tres movementos deste primeiro concerto son magníficos. O segundo amosa un Brahms íntimo, reflexivo e apaixoado ás veces, tamén resignado…

Amosamos tres vídeos con tres pianistas solventes, auténticos ARTISTAS. Cada un, xunto co correspondente director da orquestra, amosa unha forma diferente de abordar as dificultades técnicas e expresivas: tempos, fraseos, matices, rubatos…

Maurizio Pollini, de quen se cumprirá mañá 23 de marzo o primeiro aniversario do seu pasamento, toca xunto coa Staatskapelle Dresden e Christian Thielemann como director:

Daniel Baremboin interpreta o mesmo movemento acompañado pola Staatskapelle Berlin con Gustavo Dudamel como director:

Kyristian Zimerman coa Berlin Philhamonic Orchstra dirixida por Simon Rattle:

Escoitar estas tres versións e apreciar as súas diferenzas e semellanzas constitúe un excelente exercicio de educación musical.

Sonatina – Antón García Abril

O compositor e profesor Antón García Abril finou o 17 de marzo de 2021 e deixounos unha morea de obras sinfónicas, óperas, música de cámara, para instrumento solista ou sintonías de programas de televisión e bandas sonoras de películas. Foi un compositor que se empapou de todas as vangardas do seu tempo, pero que non renunciou ao pracer e compoñer melodías. Queremos homenaxear a este xenial músico español coa audición da obra para piano “Sonatina”(Alegretto – Arietta – Finale), neste vídeo interpretada maxistralmente pola pianista María Canyigueral, no Auditorio Josep Vider de Girona.

 

 

Momento musical nº 3 – Sergei Rachmaninov

Os Momentos musicais op 16 de Sergei Rachmaninov son un conxunto de seis pezas que cada unha delas pode ser interpretada ailladamente. A número 3 describe un momento de ensoñación. Está en si menor, en compás de catro por catro, e na sección central aparece un stacatto de oitava na man esquerda que muda o ritmo inicial. É unha obra dominada por un fondo sentimento de tristura e resignación. Fermosa!
Neste vídeo está interpretada por Vadim Chaimovich

Melodía Op 68 nº 1 Schumann

Esta famosa melodía de Schumann é unha das primeiras coas que os e as xóvenes pianistas deben enfrontarse. Pertence ao seu álbum titulado Álbum da xuventude, onde recolle unha serie de pezas orixinais xunto con consellos para guiar aos principiantes na arte de tocar o piano.