Faleceu Dorothé Schubarth, musicóloga
A musicóloga suíza Dorothé Schubarth vén de falecer o pasado mércores 6 de setembro. Profesora de Harmonía e Contrapunto na Academia de Lucerna, dedicouse a estudar a música popular europea dos Balcáns, Cáucaso, Alemaña e Francia. Nas vacacións de 1978 chegou a Galicia, percorreu o país e rexistrou grabacións de música popular galega durante anos e aplicou a metodoloxía científica da musicoloxía para clasificar, analizar e estudar todo o material recollido. Xunto co filólogo Antón Santamarina, publicaron o Cancioneiro Popular Galego, con sete volumes, que foi financiado pola Fundación Barrié de la Maza.
No ano 2014, a musicóloga doou todos os seus rexistros sonoros ao Museo do Pobo Galego e ao Consello da Cultura Galega, entidades nas que é posible acceder a todo ese material de valor incalculable.
Persoas como Dorothé poñen en valor a calidade da nosa cultura e a nós, tócanos amosar o noso agradecemento polo seu traballo e por ser unha pioneira neste ámbito e espallar o seu traballo.
Ligazón para acceder á versión en liña do Cancioneiro Popular Galego – Fundación Barrié