Category Archives: Música para escoitar

2º movemento do Concerto nº1 para piano – Brahms

Johannes Brahms escribiu dous concertos para piano e orquestra. O primeiro concerto foi composto dezasete anos antes da súa 1ª Sinfonía. A súa xénese demorouse cinco anos xa que a versión definitiva vén da adaptación a orquestra dunha sonata para dous pianos que o compositor tiña no seu caixón.

Os tres movementos deste primeiro concerto son magníficos. O segundo amosa un Brahms íntimo, reflexivo e apaixoado ás veces, tamén resignado…

Amosamos tres vídeos con tres pianistas solventes, auténticos ARTISTAS. Cada un, xunto co correspondente director da orquestra, amosa unha forma diferente de abordar as dificultades técnicas e expresivas: tempos, fraseos, matices, rubatos…

Maurizio Pollini, de quen se cumprirá mañá 23 de marzo o primeiro aniversario do seu pasamento, toca xunto coa Staatskapelle Dresden e Christian Thielemann como director:

Daniel Baremboin interpreta o mesmo movemento acompañado pola Staatskapelle Berlin con Gustavo Dudamel como director:

Kyristian Zimerman coa Berlin Philhamonic Orchstra dirixida por Simon Rattle:

Escoitar estas tres versións e apreciar as súas diferenzas e semellanzas constitúe un excelente exercicio de educación musical.

Zadok the Priest HWV 258 – Haendel

Zadok The Priest é un dos catro himnos compostos por Haendel para a coronación dos reis. É o máis famoso. A estrea foi o 22 de outubro de 1727, na coración do rei George II na Westminster Abbey.

Ten unha estrutura ternaria: unha introdución orquestral (base para o Himno da Champoins League), unha sección central en compás ternario e un final (Good save the King) en compás cuaternario.

Solemnidade, maxestuosidade, grandiosidade… son algúns sentimentos que a música transmite.

Dispoñemos de tres versións:

  1. Les Arts Florissants e alumnado do Departamento de interpretación histórica da Juilliard School 415 de New York baixo a dirección de William Christie.

2.  The English Concert e a orquestra Händelfestspielorchester Halle cos coros MDR Rundfunkchor, Hallenser Madrigalisten, Händelfestspielchor e Chor der Oper Halle dirixidos por Howard Arman.

3. Versión para órgano, realizada e interpretada por Richard McVeigh no seu órgano persoal empregando software Hawptwerk e o conxunto de sons do órgano de Saint Martin de Dudelange (Luxemburgo) sampleados pola firma Voxus Organs.

Valse da dor – Heitor Villa-Lobos

O compositor de Rio de Janeiro Heitor Villa-Lobos compuxo en 1930 esta peciña para piano titulada Valse da dor, na que se poden apreciar os dous rasgos fundamentais da música deste compositor: o folclore brasileiro e a influeza da tradición clásica europea desa época. Unha obra inspirada e íntima.

Caroi – Baiuca, Aliboria e Xosé Lois Romero

A fusión da música tradicional galega e a música electrónica dá excelentes froitos como Caroi, interpretada por Baiuca, Xosé Lois Romero e Aliboria, unha cantiga popular enriquecida coas novas tendencias. Que poderío na percusión! As voces respectan o estilo. Unha fermosura! Para reivindicar a nosa lingua todos os días do ano!

Transcrición da percusión do sketch de Mr. Bean Invisible Drum Kit

Maurizio Pollini – Homenaxe desde Galicia

O excelente pianista italiano Maurizio Pollini vén de falecer o pasado o pasado 23 de marzo de 2024 na súa cidade natal, Milán. A súa técnica posta á disposición da musicalidade e o profundo respecto do intérprete á partitura fan deste lexendario pianista un dos mellores da historia. Xa o anunciou Arthur Rubinstein, presidente do xurado do Concurso Internacional Fréderick Chopin de Varsovia en 1960, con estas palabras: “Este mozo toca o piano mellor que calquera de nós”.

O 14 de novembro de 2014 tocou xunto coa nosa estupenda OSG e a dirección do seu fillo Daniele Pollini o Concerto para piano e orquestra nº 5 op 73 “Emperador” de Beethoven. Deste xeito, pai e fillo dan testemuña da calidade musical desta familia e a gravación constitúe un legado para a historia. A calidade impresionante da gravación realizada polos técnicos da Radio Galega permite incluso escoitar, en diversos momentos, como o pianista canturexa algúns temas mentres toca.

 

Sinfonía Simple – Benjamin Britten

O compositor británico Benjamin Britten compuxo en 1934 unha obra só para instrumentos de corda, que titulou Sinfonía Simple, na que deu forma definitiva a algúns temas que tiña ideados cando era máis novo. Os seus catro movementos son:

  • Boisterous Bourrée: a forma sonata con texturas contrapuntísticas neobarrocas.
  • Playful Pizzicato: un scherzo clásico que se toca a fume de carozo, e moi bonito.
  • Sentimental Saraband: unha deliciosa peza que soa acanción modal inglesa.
  • Frolicsome: un movemento final moi vivo con cambios rítmicos salientables.

Dúas versións:

En directo, pola Orchestre Royal de Chambre de Wallonie dirixida por Jean-Pierre Wallez:

Coa partitura:

 

 

Sonatina – Antón García Abril

O compositor e profesor Antón García Abril finou o 17 de marzo de 2021 e deixounos unha morea de obras sinfónicas, óperas, música de cámara, para instrumento solista ou sintonías de programas de televisión e bandas sonoras de películas. Foi un compositor que se empapou de todas as vangardas do seu tempo, pero que non renunciou ao pracer e compoñer melodías. Queremos homenaxear a este xenial músico español coa audición da obra para piano “Sonatina”(Alegretto – Arietta – Finale), neste vídeo interpretada maxistralmente pola pianista María Canyigueral, no Auditorio Josep Vider de Girona.

 

 

Buddy Bolden Suite – Roberto Somoza

A Buddy Bolden Suite, de Roberto Somoza, interpretada polo Quinteto de metais da OSG, fainos viaxar aos anos vinte do século pasado directamente desde este século da man dunha fermosa e ben pensada e sentida música. Budy Bolden foi un cornetista de Nova Orleans que, a finais do século XIX, andaba a crear un novo estilo de música: o jazz.

Nos catro números desta suite hai momentos esixentes para cada instrumentista e o conxunto resultante é unha música dunha delicadeza exquisita. Parabéns ao compositor, que é un bo coñecedor da música de jazz desa época. Tamén a nosa noraboa aos excelentes intérpretes.

Un pequeno tren de pracer – Rossini – Roberto Prosseda

Rossini, un grande da Música, despois da estrea de Guillermo Tell, xa non compuxo máis música escénica, retirouse. Pero a súa vea compositiva non parou e adicouse a compoñer pequenas pezas de salón, que son verdadeiras xoias, bastante descoñecidas polo público. Desde 1857 ata 1868 compuxo arredor de 150 obras vocais e instrumentais, que non estaban pensadas para a súa publicación. Son obras nas que o compositor está moi inspirado e no que se mostra como precursor de procedementos e técnicas que virían máis tarde no tempo. Son as Péchés de vieillesse (Pecados de vellez) reunidas en catorce álbumes temáticos.

Como mostra, presentamos Un pequeno tren de pracer, música descriptiva e narrativa, interpretada ao piano polo estupendo Roberto Prosseda, nun concerto organizado en 2013 pola Fundación Juan March.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies