Obras Mestras de Música – Biblioteca Nacional
A Biblioteca Nacional pon a disposición de todos unha serie de obras mestras dixitalizadas, a biblioteca dixital hispánica, para poder ver en liña. Entre as Obras Mestras da Música atópase o libro “Libro de Música para tecla, arpa y vihuela” de Antonio de Cabezón, no que se pode admirar a arte do cifrado.
iAnalyse – Análise para MacOS
iAnalyse é un programa de axuda para a análise musical, dispoñible para MacOS 10.5 Leopard. Permite sincronizar un ficheiro de audio cun conxunto de imaxes, por exemplo, unha partitura e facer anotacións sobre ela para resaltar motivos, estructuras como frases, temas, suxeitos… Pódese crear, ademais, un vídeo coa análise realizada.
Homenaxe a Ángel Barja
O Departamento de Dinamización e Normalización Lingüística do CMUS de Ourense organiza, o próximo martes día 18 de decembro de 2007 ás 20:00 h, na Aula de Órgano, un acto para conmemorar o falecemento do compositor Ángel Barja nacido en Vilardevós. Haberá unha conferencia sobre a vida e obra deste compositor ourensán a cargo de D. Luis Costa, a interpretación de tres pezas para órgano (Canción triste, Suite para un gentil órgano e Tema y variación sobre el tema gregoriano Ave Maris Stella) con Marisol Mendive no instrumento e a actuació do coro Capela Madrigalista que interpretará unha obra vocal do compositor titulada Xan vai.
A asistencia é gratuita.
O cancioneiro de Torner e Bal y Gay
Temos nas nosas mans unha pequena xoia. Trátase da reedición do “Cancionero Gallego” de Martínez Torner e Bal y Gay que a Fundación Pedro Barrié de la Maza vén de realizar co gallo do seu corenta aniversario.
É unha fermosa edición facsímil que conta, ademais, cun magnífico estudo crítico do profesor Carlos Villanueva.
Non sería boa idea que a Consellería de Educación, soa ou xuntamente coa de Cultura, financiasen unha edición menos luxosa deste cancioneiro pero útil e imprescindible para as aulas de música e bibliotecas dos nosos centros de ensino de Primaria, Secundaria e Conservatorios? O estudo deste cancioneiro e a súa adaptación e incorporación ao repertorio escolar revitalizaría e aumentaría o coñecemento e a valoración do noso folclore galego, sería un modelo para futuras investigacións neste eido e contribuiría notable e eficazmente na normalización do Galego. Non sería esta unha inversión totalmente rendible?
Déixense de tanto plan, plan e plan e acometan medidas sinxelas, realistas e eficaces.
Bach e o cacarexo das pitas
Neste mundo hai de todo… menos mal!
Se queren coñecer a posible relación entre o cacarexo das pitas e a música de Bach, lean esta nova.
A ópera-ballet de Rameau
Rameau é un dos grandes do Barroco Francés. O seu traballo teórico (sistematizou a harmonía da súa época e comezou dentro dos acordes coas súas inversións), como clavecinista (xunto con Couperin, os dous grandes) e, sobre todo, no terreo da ópera, a ópera-ballet ata chegar á comedia-ballet, fan del unha figura senlleira e única.
Onte puidemos disfrutar da comedia-ballet “Les Paladins“, en MezzoTv, que pasan por Digital+ (por certo, unha marabilla de canle). Pasei un tempo totalmente evadido do mundo escoitando a beleza da música, unha música que soa a popular pero sen ter esa orixe, unha música viva, unha música que che pon en movemento dada a súa riqueza e viveza rítmica e contemplando unha posta en escea áxil, divertida, moderna, que tira partido das novas tecnoloxías, unhas danzas actuais pero con aires da época… Unha realización e un espectáculo completo. ¡Grazas, Mezzo TV!
Usos didácticos de Slideshare en Educación Musical
Slideshare constitúe unha ferramenta web que permite introducir presentacións tipo power point, odp (formato de OpenDocument) e pdf en distintas plataformas como CMS, blogs…
Agora Slideshare admite tamén audio, en formato wave (tamaño moi grande dos ficheiros). É o que chaman SlideCast. Se unimos a presentación co audio o resultado dá unha ferramenta moi útil para a Educación Musical. Vexamos algúns exemplos estupendos que Nos vemos en el Blog nos ofrece:
- Un musicograma do primeiro tempo da Sinfonía nº 40 de Mozart.
- Un karaoke renacentista que permite escoitar a audición, neste caso o Ave María de Tomás Luis de Victoria, seguir a letra e, de paso, visionar obras de arte da época relacionadas co tema.
Agora podemos pasar a experimentar coa ferramenta. Ánimo!
Matización: SlideCast admite ficheiro mp3, segundo explica Marian no seu comentario.
25 de xullo. Día de Galicia.
Galicia faise día a día. O 25 de xullo ten moitos significados, case tantos coma galegos. Para uns é un día de festa; para outros,un día de festa relixiosa; para outros é un día de reivindicación e para outros, un día coma outro calquera. Cada un que lle dea o seu propio significado.
Para festexar esta data traemos a primeira estrofa do poema de Ramón Cabanillas, Galicia:
¡Galicia! Nai e Señora
sempre garimosa e forte;
preto e lonxe; onte, agora,
mañán… na vida e na morte!
Tamén publicamos o Himno Nacionalista Galego, con letra de Alfredo Brañas e Música de Iglesias Alvariño.
A música de cine BSO
As Bandas Sonoras Orixinais son un xénero musical importante onde atoparnos con compositores e momentos musicais impresionantes. Estes días puidemos escoitar e ver no Canal Clásico o concerto que Trevor Jones dirixíu á OCRTVE o ano pasado con motivo de Soncinemad. Soaba a súa propia música e hei dicir que disfrutamos moitísimo, en especial, dalgúns intres espectaculares conseguidos cunha orquestra completa reforzada con guitarra, baixo eléctrico, acordeón, sintetizador… e un coro feminino. Por certo, no mercado podemos atopar un disco dobre con este concerto.
Hai tamén moitos outros estupendos compositores como John Williams, John Barry, Ennio Morricone, José Nieto…
Para adentrarse neste mundo, propoñemos dúas páxinas:
A sinfónica de San Francisco e a educación musical
As grandes sinfónicas de USA tómanse moi en serio o tema da educación musical xa que, ademais de contribuír á formación integral dos rapaces están creando afeccionados e abonados para o futuro.
A Sinfónica de San Francisco posúe un curruncho adicado aos máis cativos. Entre outras actividades en liña, aquí pódese sintonizar unha emisora de radio, experimentar cos elementos da linguaxe musical nun laboratorio musical ou coñecer os instrumentos da orquestra. Evidentemente todo está en inglés, pero moitas actividades pódense realizar sen problemas.