A Festa dos Maios 2016

A Festa dos Maios 12016 coincidiu en Ourense o día 1 de maio. Este día xuntábanse unha feira de artesanía (xa hai anos que isto sucede) e as manifestacións dos sindicatos polo Día do Traballo. Moita xente na Alameda do Concello.
Unha festa que pretende manter unha tradición: a construción dun maio xunto coas súas coplas correspondentes. Pensamos que se debe potenciar o axustarse aos cánones da tradición, sempre e cando isto non supoña un deterioro do medio ambiente. Esta primavera ten chovido moito e o musgo e demais elementos naturais foron moi abundantes.
A nós particularmente gústanos o maio tradicional, esa pirámide ergueita cuberta de musgo, rematada cunha cruz e adornada con carrabouxos, que debuxan bonitas figuras, e con xestas brancas e amarelas. Un maio cada vez menos presente na festa.
Consideramos que permitir “maios” feitos con materiais reciclados plásticos ou outros semellantes a proxectos da asignatura de Tecnoloxía da ESO, empobrece a festa. Recoñecendo que son boas ideas, cremos que non é a festa dos maios o lugar idóneo para mostralos ao público.
Tamén pensamos que acompañar o canto das coplas con guitarras contribúe a introducir un elemento alleo á tradición: aquí sempre foron as coplas cantadas a capella. Non aportan nada, posto que a melodía do canto é tan sinxela e a harmonía Tónica-Dominante-Tónica tan evidente que empobrece o carácter crítico da letra e dálle certo aire “monxil”.
A organización debería recuperar a participación de certas asociacións de veciños que, sobre todo na categoría de maio artístico, soían deixar coa boca aberta ao público recordando vellas escenas tradicionais do noso pasado labrego e gandeiro.
O xornal La Región publica unha galería sobre a Festa dos Maios 2016.

Cuarteto con piano con piano nº 3 op 60 Brahms – III Andante

Este Andante do cuarteto con piano nº 3 op 60 de Brahms posúe un encanto especial. Formalmente é unha forma ternaria modificada ABCA’. A sección A empeza cunha melodía formada por sucesións de terceiras descendentes a cargo do violoncelo. É un melodía fermosa, potente e delicada á vez, interrogativa e afirmativa, romántica..
Aquí a interpretación dos irmáns Coucheron, piano e violín; Jennifer Stumm, viola e Efe Baltacigil, violoncelo.


All of Bach

O proxecto de gravar toda a obra de J.S. Bach en formato dixital de calidade e ofrecela en streaming accesible a calquera persoa arrancou oficialmente o 2 de maio de 2014. Este proxecto chámase All of Bach.

Está respaldado pola Nederlandse Bachverenining e dirixido por Jan Van den Bossche. Quere ser coma un resumo dun período moi importante na historia da práctica interpretativa da música barroca. Cada semana, máis ou menos, engádese unha nova interpretación. Ademais de poder vivir a música, tamén nos proporcionan informacións variadas sobre a partitura, o instrumento ou o intérprete da cada unha das gravacións.

Como mostra, nesta ligazón pódese gozar coa Toccata e fuga en re menor BWV 593, Dórica (así chamada na Edición Peters para diferenciala da outra máis famosa). Está interpretada polo organista Leo Van Doesebaar no órgano da Walloom Church, en Holanda.

O pito pastoril – Método de Moisés Quintas

Moisés Quintas, mestre de Educación Musical e frautista, vén de publicar un estupendo método para aprender todo sobre o pito pastoril, a frauta doce da música tradicional galega.

O plantexamento didáctico, a secuenciación das dificultades, o emprego de exemplos sonoros, a profundidade dos contidos xunto coa claridade e sinxeleza na exposición fan deste método imprescindible e constitúe un fito único na pedagoxía musical galega.

Noraboa por este brillante traballo, Moisés!

Cuarteto con piano nº 1 K 478 – Mozart

Unha fermosa obra. Aquí interpretada por Alina Pogostkina (violín), Veronika Hagen (viola), Mischa Meyer (violoncelo) e Jérôme Ducros (piano).

Aquí a partitura:




Homenaxe á Señora Carmen – Malvela

A Señora Carmen, Carmen Pérez Navazal, voz solista do grupo Malvela, finou antonte aos 89 anos de idade. En 2007 publicou un disco-dvd en solitario, Na flor dos meus anos. A ela gustáballe máis cantar en grupo. Como mostra amosamos este vídeo… Grazas polo seu traballo e polo seu amor á música, ao canto e a Galicia…