XIX Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía

Os días 17, 24 e 31 de agosto, na Colexiata Santa María A Real de Xunqueira de Ambía, Ourense, ás 20,00 horas, con entrada libre, desenvolverase o XIX Ciclo de Órgano e Música Antiga. Este evento está organizado polo Concello de Xunqueira de Ambía e subvencionado por CajaDuero e a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia.
Un ano máis chega ata nós este ciclo tan fermoso e como de costume, cunha grande calidade nos intérpretes. O día 17 de agosto, tocará Carlos Rodríguez Lajo, organista salmantino que representa á nova xeración de organistas. O día 24 de agosto, será a quenda de Juan de la Rubia, o organista máis galardoado da súa xeración e un auténtico mestre da improvisación. O día 30, Soledad Mendive (Órgano), concertista e profesora de Órgano do CMUS de Ourense e Sergio Guarné (trompeta) toca¡rán a dúo e como solistas, aportando variedade ao ciclo.
Esperamos a calorosa resposta do público que, ano a ano, vén respondendo admirablemente ante a calidade dos músicos e da música que soa dentro deste fermoso templo e que ten como protagonista a ese marabilloso órgano ibérico, que recibimos dos nosos antergos e que, entre todos, temos que coñecer, valorar e mantelo nas mellores condicións posibles. Este é, sen dúbida, un dos obxectivos principais deste ciclo.