O pasado domingo día 18 de agosto estabamos en Xunqueira de Ambía. A tardiña tiña unha temperatura agradable e corría un ventiño moi apetecible. O motivo da visita era disfrutar da música de órgano no concerto que o xoven organista de Valencia, Pablo Márquez Caraballo, ofrecía. O programa, impresionante, un monográfico de J.B. Cabanilles. O concerto comezou sen ningunha novidade que destacara, a non ser o grande virtuosismo que o concertista amosaba en cada obra ademais de interpretala cunha enorme variedade e atrevida rexistración. Levabamos 4 pezas e, ao comezo da quinta, o Tiento de 7º ton por alamire, escoitamos un "plof" e o instrumento deixou de funcionar. Sorpresa!

A primeira idea do motivo de tal parón foi un problema eléctrico. Pasados cinco minutos descartouse tal posibilidade. Será cousa do motor que introduce o aire no fol? A organización comunicou que durante dez minutos tentarían amañar a avaría e, en caso de non seren posible, o concerto sería suspendido. Con paciencia e resignación a meirande parte do público esperou. Con moita mágoa, non deron coa solución. O concertista, apurado, ofreceuse incluso a volver o mércores se o órgano estivese xa arranxado. O público foise resignado, pero seguro que bastante frustrado.

Agora toca reflexionar. O órgano de Xunqueira é un instrumento senlleiro en Galicia. É considerado por todos os organistas que teñen a sorte de tañer nel como o mellor órgano ibérico de Galicia e un dos importantes da Península Ibérica. Posúe case todo o material orixinal. A pesares das recomendacións de organistas como González Uriol, Benantxi Bilbao, Jesús Gonzalo, Marisol Mendive... no sentido de realizar unha urxente actuación no instrumento para que non continúe o seu deterioro e para que poida soar en todo o seu esplendor, as autoridades locais, provinciais e autonómicas e o propio pobo de Xunqueira están, coa súa inacción, contribuíndo á perda de valor do órgano, tanto sonoro como artístico. A pesares de que cada ano é o protagonista do ciclo de órgano que se organiza, o cal só lle asegura unha afinación rápida anual, o órgano segue a sufrir o paso do tempo, a desidia dos responsables, o esquecemento do pobo. Cada ano poden comprobar a beleza do instrumento, o seu valor; en cada concerto amósase as súas posibilidades tímbricas e expresivas... pero debería e tería que soar mellor, coa potencia xusta, cada rexistro tería que soar limpo e exclusivo, non debería haber vibracións, nin ruidos que ensucien o rexistro orixinal. Todo isto conséguese cunha axeitada restauración. Ademais, un contrato anual de mantemento, permitiría a súa conservación a través do tempo. E isto faise primeiro con vontade, despois implicando a todos os sectores relacionados con este instrumento, empezando polo pobo, o alcalde e os concelleiros (grupo de goberno e oposición), a Deputación, a Xunta, a Igrexa, a asociación de amigos do órgano da provincia, outras institucións como fundacións e empresas... Todo este potencial humano debería estar coordinado por un grupo operativo que traballe, que busque financiación, que sente as bases para un proxecto de intervención, que busque asesoramento técnico, musical e artístico, que encargue os traballos á empresa de organería que presente o mellor presuposto e a maior garantía de realizar un bo traballo, que realice o seguemento das obras e que, unha vez rematada, prosiga a súa actuación para a rentabilización da inversión mediante a organización de concertos, cursos, xornadas, ciclos... Un paso previo importante sería que o pobo de Xunqueira amase o seu instrumento, que volvese o pobo a gozar da música deste magnífico órgano. Para que se familiarice co seu instrumento, que o faga seu, estaría ben que tivese un uso litúrxico habitual, pois este uso é un dos inherentes ao órgano, servir na liturxia para crear unha atmosfera axeitada a cada momento da mesma. Sería un posible camiño...

We use cookies

We use cookies on our website. Some of them are essential for the operation of the site, while others help us to improve this site and the user experience (tracking cookies). You can decide for yourself whether you want to allow cookies or not. Please note that if you reject them, you may not be able to use all the functionalities of the site.