Faleceu Nikolaus Harnoncourt
- Detalles
- Creado o Luns, 07 Marzo 2016 19:55
- Publicado o Luns, 07 Marzo 2016 19:55
- Escrito por Administrator
- Visitas: 2440
O director de orquestra, violonceliste e investigador musical, Nikolaus Hannoncourt vén de falecer o pasado sábado á idade de 85 anos. Formou parte da corrente historicista de interpretación musical que, iniciada na recuperación auténtica da música do Barroco, avogou pola interpretación desta música liberándoa de todo artificio romántico, buscando as fontes orixinais, os instrumentos propios da época e intentando reproducila do xeito máis neutral e "obxectivo". Despois de fundar o Concentus Musicus en 1953 e dedicarse á investigación e interpretación sobre todo de música antiga, aínda que tamén abordou a música do seu tempo, Harnoncourt foi ampliando o obxecto do seu estudo ata chegar ao Clasicismo e Romanticismo. Desenvolveu unha longa carreira como director de orquestra preocupado pola autenticidade na interpretación, investigando constamente nas partituras orixinais e obtendo unha forma propia de entender cada composición.
Para afondar sobre o seu pensamento musical recomendamos a lectura de obras como "O diálogo musical: reflexións sobre Monteverdi, Bach e Mozart", "A música como discurso sonoro" ou "A música é máis que as palabras".
Na súa entrevista, realizada cando cumpriu os 85 anos, un pouco antes de se retirar da vida activa pública musical, declarou que a derradeira música que desexaría escoitar antes de deixar este mundo sería un coral de Bach, Vor deinen Thron tret’ ich hiermit BWV 688 (Con isto preséntome ante o teu Trono) empregado polo compositor na Arte da fuga. Para honrar a esta figura que se nos foi, poden escoitar este coral na súa versión para órgano a cargo de Hans-Andre Stamm. A paz, a tranquilidade, a satisfacción serena, a humildade... son sentimentos que afloran ante a escoita desta peza.