Os instrumentos musicais na tradición galega

"Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero é un libro que, segundo o autor, pretende poñer de manifesto a nosa riqueza de instrumentos musicais e aproximarnos á súa historia. O libro comeza cunha clasificación sistemática dos instrumentos galegos seguindo a Sachs para despois propoñer o propio autor unha clasificación galega dos mesmos, baseada na dicotomía facer melodía/facer acompañamento (ruído) enriquecida con cuestións como quen toca, como toca, onde toca, con quen toca, para que toca, por que toca, para quen toca. Sen embargo, á hora de presentar os instrumentos galegos o autor emprega a clasificación sistemática de Sachs e Hornbostel.

De cada instrumento trátase a súa orixe e historia, o modo de construílo, as formas de facelo soar, con fotografías e ilustracións de grande calidade. Ademais, é frecuente que se recollan cantigas onde o instrumento é o protagonista, de xeito que obtemos valiosa información sobre o contexto socio-cultural que encerra o uso de cada instrumento.

A calidade e sistematización da información, as magníficas fotografías e ilustracións, o contexto social e cultural que se reflicte na presentación de cada instrumento, fan que a consideremos unha obra importante e básica para o coñecemento da nosa riqueza instrumental e poidamos así protexer e difundir o noso patrimonio.

O Arquivo sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, acaba de publicar a versión web deste libro. Poden acceder a ela a través desta ligazón.

Instrumentos galegos