Concerto do grupo Los Evers
- Detalles
- Escrito por Administrator
- Visitas: 1504
Cando a finais dos anos sesenta e principios dos setenta o fenómeno dos The Beatles chegou á nosa terra, unha morea de xóvenes, engaiolados pola música, por disfrutar tocando xuntos e por facer disfrutar ao público que os escoitaba, formou unha enorme variedade de grupos musicais que amenizaba festas, tocaba en salas ou daba concertos por toda a xeografía galega. Eran Los Evers, Los Posters, Los Murciélagos, Los Warner... Intentaban emular a eses grupos internacionais facendo versións propias dos grandes éxitos, aprendían uns dos outros nos ensaios, incluso compoñían os seus temas, gozaban coa camaradería e compartían valores como a amizade, a liberdade, a xuventude, a aventura... Non eran tempos fáciles para desenvolver esta afección... A súa estética rachaba co habitual por aqueles tempos e a liberdade que compartían non casaba cun rexime nacional-católico que xa estaba no seu ocaso.
O tempo foi pasando, os grupos evolucionaron, sufriron cambios na súa formación e, por circunstancias propias da vida, enmudeceron. Pero a chama da música quedou en todos e cada un dos seus integrantes de tal xeito que, xa superada a cincuentena, volveron xuntarse para emular aqueles tempos, para seguir vibrando xuntos en cada un dos ensaios e das actuacións, brindando ao seu público, a aqueles xóvenes de entón que reviven tempos pasados cos seus ídolos e cos temas musicais que os fixeron felices e ao novo público, música en directo, fresca, única, verdadeira, con versións ben traballadas, co mellor son que a tecnoloxía actual proporciona.
Se o queren comprobar, o grupo Los Evers dará un concerto en Bbikalla Park o vindeiro venres 7 de setembro ás 23:30 h. Sería unha boa oportunidade para pasar un magnífico momento deixándose levar polo bo facer deste grupo ourensán.
Melodía Op 68 nº 1 - Schumann
- Detalles
- Escrito por Administrator
- Visitas: 1640
A Melodía Op 68 nº1 é unha das obriñas que se estudan ao enfrontarse por primeira vez coa música para piano de Schumann. Pertence ao seu Álbum para a xuventude.
Concerto para clave BWV1058: segundo movemento
- Detalles
- Escrito por Administrator
- Visitas: 1483
O segundo movemento do Concerto para clave BWV 1058 de J.S.Bach posúe un engado especial.
Alterna un motivo rítmico obstinado no continuo coas diferentes aparicións do solista, que vai construíndo un discurso cada vez máis lírico. Todo isto é unha proba evidente do principio barroco do contraste.
Presentamos a versión para clave de Trevor Pinnock co English Concert
Aquí a versión para piano de Glenn Gould:
Claro que este concerto ten a súa versión para violín, ou ao revés, o de clave é unha versión do de violín. Escoitamos a Isaac Stern:
Terra e alma - Moisés Quintas
- Detalles
- Escrito por Administrator
- Visitas: 1914
Moisés Quintas, mestre, músico, compositor, pedagogo musical, vén de publicar na Editorial Canela, un libro-disco, trilingüe, titulado Terra e Alma.
A publicación está centrada nos Alalás, eses cantos ancentrais homófonos, de temática amorosa en todos os sensos do termo, de ámbito melódico máis ben reducido, con variedade modal (maiores, menores, eclesiásticos...) e cunha melodía flexible ritmicamente, doce e con melancolía.
O libro consta dun estudo sobre o alalá cun interesante resume final e partituras das músicas interpretadas no disco adxunto. Con cada partitura ofrécese unha fermosa fotografía relacionada, realizada polo fotógrafo Carlos Valcárcel Gay.
No disco podemos disfrutar de gravacións instrumentais (guitarra, zanfona, gaita, frautas traveseiras, ocarina, pitos de cana e de buxo, frautas de óso e caramela...) de 28 alalás tradicionais recollidos ou compostos por diversos autores, mesturados con sons da terra (chuvia, carro, campás, paxaros, río, sons propios de traballos agrícolas tradicionais...).
Consideramos este novo traballo de Moisés un gran acerto. Por un lado está a idea de relacionar cada alalá cunha fotografía evocadora ou relacionada; por outro, a escolla do branco e negro, que potencia o carácter ancestral; e, por último, a fusión dos sons variados da paisaxe galega coas interpretacións musicais. Tamén temos que salientar a musicalidade das interpretacións, que potencia o carácter sinxelo desta música, pero dunha calidade artística extraordinaria, e que consigue equiparar a expresividade da melodía instrumental á que é propia da voz humana.
Música, son e imaxe que saen da terra e da alma do noso pobo.
Unha pequena mostra:
Día de Rosalía
- Detalles
- Escrito por Administrator
- Visitas: 3486
Hoxe, 24 de febreiro, conmemoramos o Día de Rosalía de Castro. Tal día coma hoxe, hai 181 anos, naceu en Santiago a nosa poeta máis internacional, unha das figuras do Rexurdimento. Coa súa obra, o galego viu a luz, saíu deses Séculos Escuros, e volveu ser unha lingua con produción literaria de gran calidade.
Como contribución nosa a esta conmemoración, propoñemos a escoita de "Campanas de Bastabales", do compositor ourensán Angel Barja, en interpretación da Coral de Ruada dirixida por X.X. Rumbao. Este vídeo é a única mostra que puidemos atopar. Feliz Día de Rosalía.
Page 9 of 23