Folkmoslandia
Dentro do recurso MOS, pertencente ao MEPSyD, ISFTIC, atopámonos con Folkmoslandia, un lugar adicado ao folclore de España. Nel podemos atopar diferentes presentacións, estilos e pezas, organoloxía, activiades, audicións, análises… Hai unha guía didáctica para aproveitar mellor este recurso.
Sonido y oído – Fernando Palacios – Podcast – RTVE
RTVE-Radio Clásica ten publicado na rede o programa “Sonido y oído” en formato Podcast. “Sonido y oído” é un programa creado por Fernando Palacios onde se amosa todo o arsenal pedagóxico e didáctico-musical do autor cun enfoque moi persoal e creativo. Coas novas tecnoloxías xa podemos descargar os ficheiros e empregalos. Lembremos que hai bastantes anos, RTVE publicou en cinta casete o programa a un prezo bastante caro daquela.
Cursos de Harmonía e Contrapunto rigoroso de Michel Baron
Os cursos de Michel Baron, profesor do Conservatorio de Quebec ata a súa xubilación en 2007, destacan por seren sinxelos, claros, cun bo enfoque didáctico, froito dos moitos anos de experiencia no ensino destas materias teóricas e fundamentais para un músico. Son cursos gratuítos e paga a pena consultar as súas páxinas. Para ir a calquera destes cursos, premer na ligazón:
MuseScore 0.9.4
Acaba de saír a nova versión 0.9.4 do editor de partituras MuseScore. Lembremos que é un programa de balde, dispoñible para Windows e Linux. Entre as novidades desta versión podemos salientar o soporte para o Galego na axuda vía web así como a tradución do interface do programa á nosa lingua.
Prema para descargar.
Orella pendella
Orella pendella é unha páxina que quere difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI. Consiste nunha recopilación e clasificación de ditos, recitados, recitados dialogados, xogos, cancións, trabalinguas… Ademais está aberta á ampliación e á participación de todas e todos.
Teclado virtual
Un teclado virtual en Internet permite ao alumnado a realización de diferentes actividades de descubrimento musical: ordenacións de sons, diferenzas de altura entre sons, diferentes distancias entre sons contiguos, alteracións (sostenidos e bemoles), escalas, interpretación e invención de melodías, diferenzas tímbricas… Algúns ofrecen incluso a posibilidade de crear acordes e escoitalos e tamén a improvisación de melodías sobre unha base rítmica (aínda que o retraso entre a pulsación e o son constitúe un pequeno problema).
Mostra de teclado virtual.
Todo sobre a viola
A viola, ese instrumento un chisco máis grande ca o violín, cun son semellante ao tenor, que soe ocupar un lugar secundario na orquestra, encerra unha beleza impresionante no seu son e ten unha historia que vén desde moi aló. Se queren saber todo sobre este fermoso instrumento poden visitar estas dúas ligazóns:
-
La viola, las violas. Artigo moi completo con gran cantidade de ficheiros multimedia escrito pola profesora Marián Domínguez, no seu blogue Nosvemosenelblog.
-
Guía completa de la viola en internet. Páxina realizada por Ana Isabel Blanco, quen recopilou moita información sobre este instrumento, que ela toca e estuda ao máis alto nivel.
Mapas conceptuais sobre a voz
Os mapas conceptuais esquematizan, mostran o fundamental, amosan as relacións entre as diferentes partes dun tema. Son moi útiles para teren unha idea de conxunto do mesmo.
Aquí temos uns mapas conceptuais sobre a voz moi útiles e moi ben realizados. Ademais son multimedia, é dicir, incorporan son para poder ilustrar musicalmente os conceptos.
O proxecto Mutopia
O Proxecto Mutopia ten como obxectivo crear un catálogo dixital de partituras de música clásica de dominio público. O catálogo de obras vaise ampliando lentamente xa que se pretende reescribir as partituras empregando o editor Lilypond . Deste xeito ademais da partitura en formato pdf, ponse a disposición dos internautas unha en formato ps, outra en formato midi e outra en formato ly (propio do programa de edición).
Está moi centrado o proxecto nos instrumentos de tecla, tanto piano e clave coma órgano, aínda que cada vez se inclúen mais obras para outros instrumentos e conxuntos instrumentais.
Musipedia: un buscador de melodías
Musipedia é un buscador de melodías. Dispoñemos dun teclado onde podemos ir tocando o anaco do que desexamos facer unha busca. A páxina procura anacos que conteñen esa secuencia, identificando o autor e o título da mesma.