Category Archives: Partituras

Negra sombra

O compositor lucense Juan Montes (1840-1899) compuxo as “Seis baladas gallegas” editado por Canuto Berea y Cª de A Coruña. Trátase de seis composicións para piano (con letra) cos seguintes títulos: As lixeiras anduriñas, Doce sono, Negra sombra, Lonxe d’a terriña, Unha noita n’a eira d’o trigo e O pensar d’o labrego.

En Negra sombra, Montes pon música ao poema do mesmo nome de Rosalía de Castro. A balada para piano foi tomada polo autor dunha fantasía para orquestra. É posible que unha versión para coro existise antes, pero publicouse primeiro a versión para piano.

Esta é unha das melodías máis famosas e fermosas da nosa música galega, moitas veces versionada.

Variacións Goldberg – Variación 1 – Bach

As Variacións Goldberg é unha obra que todo concertista de instrumento de tecla debería afrontar ao longo da súa carreira. Hai moitas versións e interpretacións.

Ofrecemos a partitura da Variación 1

Bagatela nº 11 op. 119 – Beethoven

As Bagatelas son coleccións de pezas breves para piano onde Beethoven amosa a súa imaxinación e, nalgúns casos, semellan ser experimentos para novas obras máis longa e importantes.

Bagatela op 119 – nº 11 – Beethoven by musiescola

Danza de Hércules – Susato

Nesta partitura da Danza de Hércules, de Tielman Susato, compositor, instrumentista e editor de música flamenco do período renacentista, empréganse dúas frautas soprano e unha contralto. A forma musical ternaria (ABA) amósase dun xeito moi claro posto que hai un cambio no compás.

Minueto – Krieger

Este Minueto de Krieger, versión para dúas frautas, permite ao alumnado adentrarse no complexo pero fantástico mundo do contrapunto. Este tipo de textura é allea, na meirande parte dos casos, ao mundo musical actual, e sobre todo, ao que enche os reprodutores mp3 cos que o alumnado escoita música. Sen embargo, coñecer supón ser máis libre e máis rico. Comezar polo sinxelo constitúe o mellor camiño para poder disfrutar logo de inmensas arquitecturas sonoras de compositores barrocos como Bach, Haendel ou Buxtehude.


Minueto – Krieger by musiescola

Un maio

No mes de maio en moitas zonas de Galicia constrúense maios e invéntanse unhas coplas con aire crítico que os neos e os maiores cantan.
En Ourense celébranse o dia 3 de maio, festa da Santa Cruz. Por iso, o maio enxebre é unha pirámide que remata nunha cruz, feita de madeira, tea de saco, brións e colares de carrabouxos e flores de xesta branca e amarela. Logo están os maios artísticos que representan escenas típicas.
Traemos aquí unha cantiga de maio, concretamente de Vilalba (Lugo) que aparece no Cancioneiro de Torner e Bal y Gay. Si, nese cancioneiro que debería estar obrigatoriamente nas aulas de música de todas as escolas galegas… A melodía é alegre cunha inflexión no final da primeira semifrase moi lírica.
Dispoñible en pdf

Pasacaille suite en sol menor – Haendel

Este Pasacaille, forma musical baseada nun obstinato sobre o que se realiza unha serie de variacións, pertence á Suite en sol menor nº 7 HWV 432 de Haendel para clave. Desde un punto de vista didáctico supón un exemplo moi claro para apreciar as características desta forma musical. Desde o punto de visto do estudo dos instrumentos de tecla (clave ou piano) posúe variedade técnica pois combina momentos contrapuntísticos con melodía acompañada, escalas, arpexios, paso de polgar…

Sarabande re menor – Haendel

Esta famosa Sarabande en re menor, pertencente á suite para clave na mesma tonalidade composta por Haendel, é unha famosa obra que ten aparecido como banda sonora dalgunha película.
O procedemento da variación está moi presente nesta composición. Hai que recoñecer que Haendel era un mestre deste recurso compositivo. Non resulta pois raro que outros dous mestres da variación posteriores no tempo, Beethoven e Brahms, estudasen esta música.

A sarabanda en formato pdf

Chacona con variacións – Haendel

A Chacona e a Passacaglia son dúas formas musicais propias do Barroco baseadas no procedemento compositivo chamado variación. A diferenza principal entrambas é que a Passacaglia soe estar en modo menor.
A Chacona con variacións é unha interesante peza para instrumentos de tecla de Haendel que comeza coa exposición dun tema e 10 variacións do mesmo.

Sarabande – Pachelbel

Pachelbel foi un compositor do Barroco alemán que desenvolveu o seu labor no sur de Alemaña, en Baviera. Foi clavecinista e organista así como compositor importante.
Esta Sarabanda resulta sinxela na súa idea, doada e fermosa.

Tamén en formato pdf

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies