Estamos castigados! En Ourense levamos 14 meses sen música de banda. O conflito xurdido entre a asociación Ricardo Courtier e o Concello que rematou na convocatoria dun novo concurso está aínda sen resolver. A pesares das mostras e mobilizacións de apoio á banda que se desenvolveron, semella que os responsables culturais do Concello, respaldados polo sr Alcalde, castigaron á cidadanía á total prohibición da música de banda, tamén nas festas maiores da cidade, nas que non se programou ningún, repetimos “ningún”, concerto dunha banda de música procedente de calquera punto da xeografía galega ou española. Un auténtico despropósito! É negarlle o disfrute aos ourensáns e ás ourensás dunha manifestación cultural que se remonta a finais do século XIX, que conserva e difunde un patrimonio musical e inmaterial que é de todos nós; elimina un importante elemento dinamizador para os compositores e músicos actuais; anula un fantástico recurso educativo musical que se ofrece a toda a poboación (si, escoitando música as persoas se educan musicalmente e conseguen esa educación integral á que todos e todas aspiramos). Por outra banda, semella que esta medida contribúe a darlle pulo ao conflito case persoal que determinado grupo municipal mantén contra a agrupación ourensá.
Desexamos que a música de banda estea axiña de volta soando nas nosas rúas, prazas e auditorios. Todos seremos un chisco máis felices.