A Festa dos Maios 2016
A Festa dos Maios 12016 coincidiu en Ourense o día 1 de maio. Este día xuntábanse unha feira de artesanía (xa hai anos que isto sucede) e as manifestacións dos sindicatos polo Día do Traballo. Moita xente na Alameda do Concello.
Unha festa que pretende manter unha tradición: a construción dun maio xunto coas súas coplas correspondentes. Pensamos que se debe potenciar o axustarse aos cánones da tradición, sempre e cando isto non supoña un deterioro do medio ambiente. Esta primavera ten chovido moito e o musgo e demais elementos naturais foron moi abundantes.
A nós particularmente gústanos o maio tradicional, esa pirámide ergueita cuberta de musgo, rematada cunha cruz e adornada con carrabouxos, que debuxan bonitas figuras, e con xestas brancas e amarelas. Un maio cada vez menos presente na festa.
Consideramos que permitir “maios” feitos con materiais reciclados plásticos ou outros semellantes a proxectos da asignatura de Tecnoloxía da ESO, empobrece a festa. Recoñecendo que son boas ideas, cremos que non é a festa dos maios o lugar idóneo para mostralos ao público.
Tamén pensamos que acompañar o canto das coplas con guitarras contribúe a introducir un elemento alleo á tradición: aquí sempre foron as coplas cantadas a capella. Non aportan nada, posto que a melodía do canto é tan sinxela e a harmonía Tónica-Dominante-Tónica tan evidente que empobrece o carácter crítico da letra e dálle certo aire “monxil”.
A organización debería recuperar a participación de certas asociacións de veciños que, sobre todo na categoría de maio artístico, soían deixar coa boca aberta ao público recordando vellas escenas tradicionais do noso pasado labrego e gandeiro.
O xornal La Región publica unha galería sobre a Festa dos Maios 2016.