Suceso en Xunqueira… unha posible solución
O pasado domingo día 18 de agosto estabamos en Xunqueira de Ambía. A tardiña tiña unha temperatura agradable e corría un ventiño moi apetecible. O motivo da visita era disfrutar da música de órgano no concerto que o xoven organista de Valencia, Pablo Márquez Caraballo, ofrecía. O programa, impresionante, un monográfico de J.B. Cabanilles. O concerto comezou sen ningunha novidade que destacara, a non ser o grande virtuosismo que o concertista amosaba en cada obra ademais de interpretala cunha enorme variedade e atrevida rexistración. Levabamos 4 pezas e, ao comezo da quinta, o Tiento de 7º ton por alamire, escoitamos un “plof” e o instrumento deixou de funcionar. Sorpresa! A primeira idea do motivo de tal parón foi un problema eléctrico. Pasados cinco minutos descartouse tal posibilidade. Será cousa do motor que introduce o aire no fol? A organización comunicou que durante dez minutos tentarían amañar a avaría e, en caso de non seren posible, o concerto sería suspendido. Con paciencia e resignación a meirande parte do público esperou. Con moita mágoa, non deron coa solución. O concertista, apurado, ofreceuse incluso a volver o mércores se o órgano estivese xa arranxado. O público foise resignado, pero seguro que bastante frustrado.
Agora toca reflexionar. O órgano de Xunqueira é un instrumento senlleiro en Galicia. É considerado por todos os organistas que teñen a sorte de tañer nel como o mellor órgano ibérico de Galicia e un dos importantes da Península Ibérica. Posúe case todo o material orixinal. A pesares das recomendacións de organistas como González Uriol, Benantxi Bilbao, Jesús Gonzalo, Marisol Mendive… no sentido de realizar unha urxente actuación no instrumento para que non continúe o seu deterioro e para que poida soar en todo o seu esplendor, as autoridades locais, provinciais e autonómicas e o propio pobo de Xunqueira están, coa súa inacción, contribuíndo á perda de valor do órgano, tanto sonoro como artístico. A pesares de que cada ano é o protagonista do ciclo de órgano que se organiza, o cal só lle asegura unha afinación rápida anual, o órgano segue a sufrir o paso do tempo, a desidia dos responsables, o esquecemento do pobo. Cada ano poden comprobar a beleza do instrumento, o seu valor; en cada concerto amósase as súas posibilidades tímbricas e expresivas… pero debería e tería que soar mellor, coa potencia xusta, cada rexistro tería que soar limpo e exclusivo, non debería haber vibracións, nin ruidos que ensucien o rexistro orixinal.
Todo isto conséguese cunha axeitada restauración. Ademais, un contrato anual de mantemento, permitiría a súa conservación a través do tempo. E isto faise primeiro con vontade, despois implicando a todos os sectores relacionados con este instrumento, empezando polo pobo, o alcalde e os concelleiros (grupo de goberno e oposición), a Deputación, a Xunta, a Igrexa, a asociación de amigos do órgano da provincia, outras institucións como fundacións e empresas… Todo este potencial humano debería estar coordinado por un grupo operativo que traballe, que busque financiación, que sente as bases para un proxecto de intervención, que busque asesoramento técnico, musical e artístico, que encargue os traballos á empresa de organería que presente o mellor presuposto e a maior garantía de realizar un bo traballo, que realice o seguemento das obras e que, unha vez rematada, prosiga a súa actuación para a rentabilización da inversión mediante a organización de concertos, cursos, xornadas, ciclos…
Un paso previo importante sería que o pobo de Xunqueira amase o seu instrumento, que volvese o pobo a gozar da música deste magnífico órgano. Para que se familiarice co seu instrumento, que o faga seu, estaría ben que tivese un uso litúrxico habitual, pois este uso é un dos inherentes ao órgano, servir na liturxia para crear unha atmosfera axeitada a cada momento da mesma.
Sería un posible camiño…