O segundo abandono dos órganos
O segundo abandono dos órganos é o título dun artigo que aparece na web culturagalega.org no que se trata da paralización do estudo e catalogación do patrimonio organístico galego iniciado pola Consellería de Cultura en 2009. O traballo xa rematou tres das cinco diócesis galegas. Catalogar, estudar o instrumento e a caixa, coñecer o seu estado real, facer unha aproximación á súa historia, coñecer o valor auténtico do instrumento… son pasos fundamentais para poder desenvolver unha actuación de posta en valor e recuperación do patrimonio organístico.
O cambio de modelo que están a levar a cabo os políticos gobernantes actuais escudándose na crise, desprestixiando todo o que sexa público, favorecendo a iniciativa privada (que só quere estar alí onde poida sacar beneficios económicos) está na orixe da perda do estado de benestar, que non só é educación, sanidade e dependencia, senón tamén, cultura, e dentro da mesma, música, e dentro da mesma, o órgano como instrumento musical froito do avance da tecnoloxía e da arte do ser humano a través da historia. Son malos tempos… Debemos reaccionar!