Yearly Archives: 2013

Suceso en Xunqueira… unha posible solución

O pasado domingo día 18 de agosto estabamos en Xunqueira de Ambía. A tardiña tiña unha temperatura agradable e corría un ventiño moi apetecible. O motivo da visita era disfrutar da música de órgano no concerto que o xoven organista de Valencia, Pablo Márquez Caraballo, ofrecía. O programa, impresionante, un monográfico de J.B. Cabanilles. O concerto comezou sen ningunha novidade que destacara, a non ser o grande virtuosismo que o concertista amosaba en cada obra ademais de interpretala cunha enorme variedade e atrevida rexistración. Levabamos 4 pezas e, ao comezo da quinta, o Tiento de 7º ton por alamire, escoitamos un “plof” e o instrumento deixou de funcionar. Sorpresa! A primeira idea do motivo de tal parón foi un problema eléctrico. Pasados cinco minutos descartouse tal posibilidade. Será cousa do motor que introduce o aire no fol? A organización comunicou que durante dez minutos tentarían amañar a avaría e, en caso de non seren posible, o concerto sería suspendido. Con paciencia e resignación a meirande parte do público esperou. Con moita mágoa, non deron coa solución. O concertista, apurado, ofreceuse incluso a volver o mércores se o órgano estivese xa arranxado. O público foise resignado, pero seguro que bastante frustrado.
Agora toca reflexionar. O órgano de Xunqueira é un instrumento senlleiro en Galicia. É considerado por todos os organistas que teñen a sorte de tañer nel como o mellor órgano ibérico de Galicia e un dos importantes da Península Ibérica. Posúe case todo o material orixinal. A pesares das recomendacións de organistas como González Uriol, Benantxi Bilbao, Jesús Gonzalo, Marisol Mendive… no sentido de realizar unha urxente actuación no instrumento para que non continúe o seu deterioro e para que poida soar en todo o seu esplendor, as autoridades locais, provinciais e autonómicas e o propio pobo de Xunqueira están, coa súa inacción, contribuíndo á perda de valor do órgano, tanto sonoro como artístico. A pesares de que cada ano é o protagonista do ciclo de órgano que se organiza, o cal só lle asegura unha afinación rápida anual, o órgano segue a sufrir o paso do tempo, a desidia dos responsables, o esquecemento do pobo. Cada ano poden comprobar a beleza do instrumento, o seu valor; en cada concerto amósase as súas posibilidades tímbricas e expresivas… pero debería e tería que soar mellor, coa potencia xusta, cada rexistro tería que soar limpo e exclusivo, non debería haber vibracións, nin ruidos que ensucien o rexistro orixinal.
Todo isto conséguese cunha axeitada restauración. Ademais, un contrato anual de mantemento, permitiría a súa conservación a través do tempo. E isto faise primeiro con vontade, despois implicando a todos os sectores relacionados con este instrumento, empezando polo pobo, o alcalde e os concelleiros (grupo de goberno e oposición), a Deputación, a Xunta, a Igrexa, a asociación de amigos do órgano da provincia, outras institucións como fundacións e empresas… Todo este potencial humano debería estar coordinado por un grupo operativo que traballe, que busque financiación, que sente as bases para un proxecto de intervención, que busque asesoramento técnico, musical e artístico, que encargue os traballos á empresa de organería que presente o mellor presuposto e a maior garantía de realizar un bo traballo, que realice o seguemento das obras e que, unha vez rematada, prosiga a súa actuación para a rentabilización da inversión mediante a organización de concertos, cursos, xornadas, ciclos…
Un paso previo importante sería que o pobo de Xunqueira amase o seu instrumento, que volvese o pobo a gozar da música deste magnífico órgano. Para que se familiarice co seu instrumento, que o faga seu, estaría ben que tivese un uso litúrxico habitual, pois este uso é un dos inherentes ao órgano, servir na liturxia para crear unha atmosfera axeitada a cada momento da mesma.
Sería un posible camiño…

XXIV Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía

Chegou o mes de agosto e con grande esforzo por parte de todos os responsables e organizadores vén connosco o XXIV Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía. Este é o cartel:

ciclo-xun-24

O voo do moscardón – Rimsky-Korsakov

O voo do moscardón, interludio musical de Rimsky-Korsakov, pódese escoitar seguindo este musicograma estupendamente realizado por Luis Torres. Pódese seguir na pantalla premendo no botón pulsación. Ao final, hai sorpresa!

Premer aquí

voo

O segundo abandono dos órganos

O segundo abandono dos órganos é o título dun artigo que aparece na web culturagalega.org no que se trata da paralización do estudo e catalogación do patrimonio organístico galego iniciado pola Consellería de Cultura en 2009. O traballo xa rematou tres das cinco diócesis galegas. Catalogar, estudar o instrumento e a caixa, coñecer o seu estado real, facer unha aproximación á súa historia, coñecer o valor auténtico do instrumento… son pasos fundamentais para poder desenvolver unha actuación de posta en valor e recuperación do patrimonio organístico.
O cambio de modelo que están a levar a cabo os políticos gobernantes actuais escudándose na crise, desprestixiando todo o que sexa público, favorecendo a iniciativa privada (que só quere estar alí onde poida sacar beneficios económicos) está na orixe da perda do estado de benestar, que non só é educación, sanidade e dependencia, senón tamén, cultura, e dentro da mesma, música, e dentro da mesma, o órgano como instrumento musical froito do avance da tecnoloxía e da arte do ser humano a través da historia. Son malos tempos… Debemos reaccionar!

A música dos videoxogos – American McGee’s Alice

Na banda sonora dos videoxogos agóchanse verdadeiras obras maestras en canto á creación de atmosferas axeitadas ás diferentes escenas do xogo.
A peza Village of de Doomed do video xogo American McGee’s Alice é un exemplo. O compositor é Chris Vrenna. A atmosfera abafante que se xera é espectacular. Logo xurde ese temiña sinxelo a modo de pregunta-resposta que aumenta a presión do ambiente…

Canción do verán – Wilhelm Peterson-Berger

Chega o verán e non hai nada tan axeitado coma recibilo coa Canción do verán, un canto a esta estación do ano do compositor sueco Wilhelm Peterson-Berger.

O reloxo sincopado – Outro musicograma

Luis Torres realizou este magnífico musicograma da audición O reloxo sincopado de Leroy Anderson.
Premer aquí.

One Direction – The Piano Guys

The Piano Guys ofrécenos un bonito tema interpretado por cinco músicos nun único piano… Música para decorar algún momento do día.

Impertinence – Haendel

Esta partitura para instrumento de tecla titulada Impertinence HWV 494, de Haendel, constitúe un bo exercicio para iniciarse na arte do contrapunto a dúas voces en mans separadas.
Impertinence HWV 494 – Haendel by musiescola

Sonata nº 16 K 545 Mozart – Terceiro movemento

Para rematar esta sonata, este é o último movemento.
Sonata No. 16, 3rd Movement K. 545 by ClassicMan

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies