II Xornadas de Órgano Cidade de Ourense

A Asociación de Amigos do Órgano Un Rato No Tubo organiza desde o 28 ao 30 de novembro as II Xornadas de Órgano Cidade de Ourense. As actividades abranguen desde unha exposición fotográfica co órgano como protagonista, un encontro coa organista portuguesa Edite Rocha e un concerto de órgano na Igrexa de Santa Eufemia a cargo da mencionada Edite Rocha cun programa con obras de compositores portugueses e franceses do século XIX e XX.

Máis información na web de Asociación Un Rato No Tubo.

Cartaz das II Xornadas de Órgano Cidade de Ourense

Unha Santa Icía 2012 reivindicativa

Sopran malos ventos para o ensino da Música en España. O anteproxecto de reforma educativa elaborado polo Ministerio de Educación e Cultura propón a supresión do Bacharelato de Música e Artes Escénicas, creado pola LOE de 2006 co fin de integrar as artes escénicas, a música e a danza nas ensinanzas de réxime xeral. Ademais de posibilitar nas probas de acceso á universidade a entrada nunha chea importante de carreiras, de poder beneficiar aos alumnos dun sistema de convalidacións para que se centren nas materias específicas da súa arte, a ubicación dalgún centro de secundaria preto dun conservatorio facilita unha mellor e máis completa formación do alumnado desta especialidade.
É hora de mobilizarse. O Consello Escolar e o Claustro de Profesores do CMUS de Ourense convoca hoxe, día 22 de novembro, ás 18h30, unha concentración diante do centro para rexeitar esta pretensión do MEC.
O valor educativo da Música é innegable. Por se alguén non o ten claro, esta presentación realizada por Mª Jesús Camino, pódelle aclarar a cuestión.

A nova Aula Antonio Jaunsarás no CMUS de Ourense

O CMUS de Ourense, dentro da súa Semana Santa Icía 2012, realizará o vindeiro martes, 20 de novembro, ás 19:30 h o nomeamento da Sala de Órgano como Aula Antonio Jaunsarás.
Antonio Jaunsarás San Miguel foi sacerdote, cóengo, compositor e organista da Catedral de Ourense desde 1919 ata 1957. Este músico naceu en Muruzábal (Navarra) en 1896. Foi alumno de Bonifacio Irazoioz en Pamplona e gañou a praza de organista de Ourense. Desenvolveu un gran labor musical na nosa cidade e foi director da Coral de Ruada. Presidiu a Sociedade Filharmónica Ourensá en 1955 e director adxunto do Conservatorio de Ourense no ano da súa fundación, 1958. Finou en 1969.
O acto contará coa participación de D. José Ramón Estévez, quen falará sobre a figura do organista que dará nome á aula, a Coral de Ruada, que interpretará obras harmonizadas por Jaunsarás e Soledad Mendive, quen interpretará unha obra de Bach ao órgano.
A entrada ao acto é libre ata completar o aforo.