Onte, 2 de maio de 2011, o festival Sen batuta agasallounos a todos os amantes da música de cámara cun sensacional concerto do Cuarteto Hagen quen interpretou os cuartetos nº 15 op 132 e nº 12 op 127 de Beethoven.
No coloquio anterior ao concerto, o violinista e grande mestre Rainer Schmidt explicou ao público, que encheu o Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, a situación do autor no momento da composición destas obras, o que estas significaron para el e para o devenir da música así como algúns aspectos do funcionamento e traballo desta estupenda agrupación.
Logo, o concerto foi marabilloso. Un son nítido, unha perfecta sincronización, unha interpretación soberbia. O público puido disfrutar de case dúas horas de ledicia.
Queremos destacar a numerosa presenza de alumnado do CMUS e de estudantes de Bacharelato e ESO co seu profesorado de Música, un dos aspectos, xunto co contacto directo cos intérpretes, que caracterizan este festival e que están a contribuír á mellor formación integral dos nosos xóvenes e que están creando un ambiente musical, un público de base que valore, disfrute e demande máis concertos.
Parabéns a SEN BATUTA.