Cuarteto para frauta en Re Maior K 285
Rematemos o ano con moi boa música e excelente interpretación… Por que non finalizar 2011 con música de Mozart? Que veñen tempos difíciles, que vai ser un ano moi duro (sobre todo para os máis necesitados…), que a crise vai durar e que o goberno entrante está a facer todo o contrario do que dixo que ía facer (si é que dixo algo concreto…) Pois a todo isto negativo queremos opoñer a luz e a ledicia que irradia do primeiro movemento; a inspiración, a intensidade e a profundidade no sentimento do segundo movemento e a perfección e galante final de festa do terceiro movemento deste fermoso Cuarteto para frauta en re maior K 285 de Mozart. Esta música ten o poder de elevarnos sobre as nosas preocupacións e fornécenos uns minutos de auténtico goce. A interpretación de Emmanuel Pahud (frauta), Guy Braunstein (violín), Ori Kam (viola) e Olaf Maninger (celo) é extraordinaria.
Poden descargar a partitura aquí.
Primeiro movemento Allegro
Segundo e Terceiro movementos
Aló entre as pallas – Panxoliña
Aló entre as pallas é unha das panxoliñas tradicionais máis coñecidas e cantadas en Galicia. Destaca a melodía da estrofa, se cadra, un chisco arranxada por algún músico.
Aló entre as pallas
Aquí en formato pdf.
Os instrumentos musicais na tradición galega
Esta é a versión web e interactiva do libro Os instrumentos musicais na Tradición Galega de Pablo Carpintero. Está promovida polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Danzas do mundo
A profesora Begoña Rodríguez realiza no seu blog Danzas del mundo unha recopilación de pezas musicais de bailes na que é posible visualizar cada danza, un texto explicativo coa descrición e o seu desenvolvemento e acceder ás músicas da cada unha delas.
Danzar é unha actividade que favorece a coordinación motora, a audición musical, a integración e socialización no grupo, a sensibilización artística e o coñecemento doutras culturas. Por iso, é unha actividade integradora e verdadeiramente competencial.

O Crebanoces – Conto en vídeo
Da man de MusicaEduca, coñecemos a existencia deste vídeo-conto sobre O Crebanoces de Tchaikovsky, creado por Eva Alonso, coas ilustracións de José Rubio Malagón e a factura ténica de Ismael Pantaleón.
O tema de Nokia, unha fuga e máis
Hai tempo que tratamos este tema. Agora, ímolo actualizar e enriquecer…
Os teléfonos Nokia popularizaron unha melodía que, utilizada de xeito predeterminado, soou en moitos dos seus terminais. Esta melodía está extraída do Grande Valse para guitarra de Tárrega. Neste vídeo, a primeira vez que se escota o tema é no segundo 14.
Inspirándose na técnica compositiva do contrapunto e fuga, ao xeito de Bach, o compositor Vincent Lo presenta a Fuga Nokia op.31, que ten como tema esas poucas notas. Comproben o que o tema pode dar de si…:
O pianista Marc-André Hamelin tamén realizou os seus experimentos e compuxo o Valse Irritation d’après Nokia, unha pequena peza que escoitamos e da que podemos ver a partitura:

