MuseScore 0.9.6
Vén de saír a nova versión do editor de partituras multiplataforma, baixo licenza GNU CPL, MuseScore 0.9.6.
- WYSIWYG (o que se ve é o que se obtén), as notas escríbense nunha “partitura virtual”
- Número ilimitado de pentagramas
- Até catro voces por pentagrama
- Inserción de notas doada e rápida con rato, teclado ou MIDI
- Secuenciador integrado e sintetizador por software FluidSynth
- Importa e exporta MusicXml e ficheiros MIDI estándar (SMF)
- Código en plataforma independente, ficheiros binarios accesíbeis para Linux, Mac e Windows
- Disponíbel en 26 linguas
- Licenza GNU GPL
O canto do pobo
Os mestres e músicos Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, e Baldomero Iglesias Dobarrio, “Mero” adicáronse entre 1972 e 1998 á recolleita de cantigas populares. O froito deste traballo é O Canto do Pobo, estupendo sitio web onde podemos escoitar as fontes orixinais, ver a letra e a transcrición das partituras.
Son de poetas – Letras Galegas
Agora que se achega a conmemoración das Letras Galegas 2010, que está adicada ao poeta de O Courel, Uxío Novoneyra, a web Son de poetas, recolle unha chea de poemas de escritoras e escritores galegos, musicados por autores tamén galegos. Recurso moi útil para estes días.
Canción para o Día do Libro
O 23 de abril é o Día do Libro. O grupo Migallas ten unha canción adicada ao libro. Aquí está:
A tuba
O instrumento máis grande, o que ten un rexistro máis grave da familia de vento metal é a tuba. Empregada na orquestra de finais do XIX e durante o XX, amósase un instrumento fundamental en agrupacións como as bandas de música nas súas diversas variantes. Tamén se emprega nas bandas de jazz. Cada vez aumenta máis o seu papel como solista.
Neste vídeo pódese apreciar toda a gama de variantes e xeitos de tocar a tuba, incluso coa utilización de sons dobres…
Fuga en sol menor de Frescobaldi
Frescobaldi… En versión para piano, interpretada por Ariel Langy. Non é unha interpretación histórica, porque tampouco o piano era un instrumento desa época. Pero, déixanos coa boca aberta este cativo…
A música A do Tetris
O Tetris, un xogo de tetraminós moi popular inventado polo inxeñeiro soviético Pázhitnov, posúe varias músicas. A máis popular é a chamada Música A, inspirada nunha canción rusa titulada Korobéiniki, que se pode escoitar neste vídeo.
Nestoutro vídeo podemos escoitar unha versión da mesma melodía… con botellas:
O inverno – Vivaldi
Polas Candeas (o día 2 de febreiro) o inverno está na súa metada. Como hoxe estivo despexado e xeou, semella que imos ter máis inverno… No Telexornal informan que a famosa marmota no “Día da marmota” predixo seis semanas máis de inverno por aquelas terras americanas. Hai que ter en conta que o mamífero en cuestión ten unha porcentaxe de acerto do 20%…
Sexa coma fose, sempre nos queda Vivaldi… co primeiro movemento do Concerto para violín O Inverno de As catro estacións.
O clarinete
O clarinete é un instrumento aerófono de lingüeta simple. Constrúese en madeira con chaves metálicas. O mecanismo de chaves permite tapar moitos máis buratos ca dedos temos os humanos. Posúe tres rexistros: no rexistro grave ten un timbre oscuro, dramático e con moita personalidade; no rexistro medio, o timbre é claro, mentres que no rexistro agudo amósase brillante e penetrante. É un instrumento que ofrece unha grande variedade dinámica e posibilita a interpretación de pasaxes moi veloces e arpexiados. É un instrumento moi popular. Utilízase na orquestra sinfónica, tocando como solista ou con orquestra, con piano, en formación de música de cámara de vento madeira, nas bandas de música, nas murgas, na música popular típica de moitas culturas e países…
Aquí temos o Segundo movemento do Concerto para clarinete e orquestra de Mozart interpretado polo xenial Martin Fröst:
Tamén pode tocar acompañado dun piano, como é o caso do Terceiro movemento da Sonata para clarinete de Francis Poulenc:
A familia do saxofón
Este vídeo é impagable. Ofrece a posibilidade de ter toda xunta á grande familia do saxofón: sopranísimo, sopranino, soprano, alto, tenor, barítono, baixo e contrabaixo…