MuseScore 0.9.5

Vén de saír o novo MuseScore 0.9.5, o editor de partituras de balde para Linux, Windows e, desde agora, para MacOS X.
Hai moitísimas novidades moi interesantes que melloran e enriquecen considerablemente este editor. Ademais, fronte ao seu competidor, Finale NotePad (que agora xa non é de balde), posúe grandes avantaxes: é un programa que aspira a ser completo, é de código libre, está traducido a moitos idiomas (entre eles o galego) e permite unha edición de partituras complexas.

The bell – Mike Oldfield

Mike Oldfield é un músico, instrumentista e compositor, que fai unha música electrónica sinfónica, empregando tamén bastantes instrumentos acústicos, a voz, con moita inspiración na música folk e clásica, cun certo carácter multiétnico.

Neste vídeo, correspondente a un concerto en Edimburgo en 1992 co gallo da presentación do seu disco Tubular Bells II, podemos apreciar estas características da súa música. Ademais, hai desde a metade do vídeo unha presentación dos instrumentos, de xeito que podería empregarse esta gravación para aprender nomes dalgúns instrumentos en inglés.

Agora, toca escoitar. The bell:

Negra sombra

O compositor lucense Juan Montes (1840-1899) compuxo as “Seis baladas gallegas” editado por Canuto Berea y Cª de A Coruña. Trátase de seis composicións para piano (con letra) cos seguintes títulos: As lixeiras anduriñas, Doce sono, Negra sombra, Lonxe d’a terriña, Unha noita n’a eira d’o trigo e O pensar d’o labrego.

En Negra sombra, Montes pon música ao poema do mesmo nome de Rosalía de Castro. A balada para piano foi tomada polo autor dunha fantasía para orquestra. É posible que unha versión para coro existise antes, pero publicouse primeiro a versión para piano.

Esta é unha das melodías máis famosas e fermosas da nosa música galega, moitas veces versionada.

XX Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía – Ourense

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

O XX Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía, organizado polo Concello de Xunqueira de Ambía, está a piques de comezar. Prográmanse tres concertos, os días 16, 23 e 30 de agosto de 2009, ás 20:00 h na Colexiata de Santa María A Real de Xunqueira de Ambía – Ourense. A entrada é de balde ata completar aforo.

O primeiro concerto, día 16 de agosto, amosaranos un repertorio no que a danza será o fío conductor do mesmo a cargo da organista e profesora do CMUS de Ourense, Soledad Mendive Zabaldica

No segundo concierto, día 23 de agosto, serán protagonistas o órgano e a voz grazas á intervención do Trío Salanova formado por José María Berenguer (tenor), Alberto Tejerina (barítono) e Benantzi Bilbao (baixo e órgano) con obras de Anchieta e compositores do século de ouro do órgano ibérico.

O terceiro concerto, día 30 de agosto, correrá a cargo do Dúo La Oropéndola, formado polos excelentes organistas José Luis González Uriol e Javier Artigas Pina cun programa que xira arredor do órgano a catro mans.

Para unha información máis detallada sobre programas e demais, poden visitar o artigo correspondente na web de OrganOurense