Por estas datas, ano novo, vida nova, cántanse as despedidas/entradas de ano que son cantos que aproveitan modelos doutras cancións galegas para reflectir unhas datas de moita diversión. Xeralmente sempre levaban acompañamento de moitos instrumentos para facer barullo e poder cantar e bailar.
Nesta Despedida de ano que presentamos podemos apreciar como se suceden tres xotas na mesma canción. Feliz e próspero aninovo a todos/as!!!
Un romance galego que conta a historia de Don Sancho, quen foi a terra de mouros e volveu deixando a súa alma prendida nunha fonte… Presentamos dúas partituras:
– Para voz.
– Para frauta, en re menor, para practicar o si bemol.
É Nadal… Hoxe, en moitas partes do noso planeta a ledicia invade a vida das persoas; noutros moitos lugares, a miseria, a guerra, a intolerancia, o deprezo polos dereitos humanos… son constitutivos do clima humano que se respira… Son as contradicións deste mundo que nos toca vivir.
Esta música que hoxe traemos aquí está chea de ledicia e, tamén, de esperanza. A melodía sobre a que a peza está construída data de 1533. É unha versión de Mike Oldfield da melodía de Nadal In dulci Jubilo. No vídeo, amósase a un xoven músico que toca todos os instrumentos.
J. S. Bach tamén empregou frecuentemente este tema. Ademais de versións para órgano, compuxo unha peza vocal, o Coral BWV 368 titulado In Dulci Jubilo, onde podemos apreciar o impresionante traballo harmónico do compositor. Comparando as dúas composicións, comprobaremos os cambios na linguaxe musical, froito da estética de cada época:
Bach versionou esta melodía do coral para órgano en varias ocasións. No seu “Pequeno libro de órgano” realizou o coral BWV 608. Aquí aparece interpretado polo organista Szliard Kovacs:
Canorus é un editor de partituras gratuito para Linux, Windows e MacOs que se está a desenvolver amodiño. Chaman a atención algúns módulos que se queren implementar, como o módulo harmonía.
Harmony Assistant é un interesante editor para Windows e MacOS con boa relación prestacións/prezo. É salientable o módulo de voz para escoitar as partituras vocais. A casa Myriad posúe unha excelente ferramenta chamada PDFtoMusicPro que interpreta a música contida nun ficheiro pdf, non sobre pdf feitos a base de imaxes escaneadas. Tamén exporta o contido do pdf a formato xml, co que se pode abrir en calquera editor profesional de partituras.
Non está de máis incluír no noso sitio, agora que se achega a conmemoración do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en referendo o 21 de decembro de 1980 (xa pasaron 19 anos), a partitura do Himno Galego, composición de Pascual Veiga con letra de Eduardo Pondal.
Para obter máis información sobre o Himno Galego, prema nesta ligazón ou consulte na Galipedia.
Os aplicativos en liña para aprender o nome das notas nas diferentes claves son cada vez máis numerosos. Nesta ligazón temos a posibilidade de practicar o nome con son, con diferentes grados de dificultade e diferentes claves.
Charles Chaplin foi un magnífico actor, director e compositor das bandas sonoras das súas propias películas. No filme “O grande dictador” hai unha escena onde Chaplin, barbeiro, arránxalle a cara a un cliente seguindo o ritmo e os temas da Danza húngara nº 5 de Brahms.
Esta famosa composición do xenial Beethoven, a Bagatella en la menor WoO 59, máis coñecida como Para Elisa, pódese escoitar e mirar. Ademais de ver a partitura e a evolución das distintas melodías e acompañamentos, podemos ver como evolucionan as mans do pianista sobre o teclado con dous ángulos de visión.
AVISO: Os alumnos e alumnas do meu cole perciben un insoportable pitido moi agudo neste vídeo, que para eles é insufrible, cousa que aos profesores non nos molesta nin o percibimos… Comprobádeo! Pode que aquí estea o fundamento do famoso “mosquito”, esa arma para desfacer botellóns… Ademais, desde hoxe hai unha nova versión sen o pitido, xa o advirte o vídeo.
Nat King Cole compuxo unha fermosa canción adicada a Madrid. Despois da introdución hai unha sorpresa melódica. Toca adiviñar cal é esa famosa melodía… Semella bastante doado.
Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información.
ACEPTAR