Estrella de la mañana – Joaquín Broto

Dentro da colección “Órganos Históricos en Aragón”, dirixida por Jesús Gonzalo López, o volume IX está adicado ao órgano de La Seo de Zaragoza. Este instrumento posúe unha caixa gótica basada na de Johan Ximénez Garcés en 1469 mentres que o órgano en si está restaurado, en 2003 por Gerhard Grenzing, segundo a última gran reforma de 1858 realizada por Miguel e Pedro Roqués.
O título do disco é “Estrella de la mañana“. Está íntegramente adicado a unha escolla de música para órgano do compositor Joaquín Broto Salamero (1921-2006).
A intérprete das obras é a organista Soledad Mendive.
Estamos ante un disco cunha edición inmellorable, con abundante información sobre o compositor, a súa época e a súa música; sobre o órgano, a súa composición e a súa historia así como un reflexo íntegro de todas as rexistracións utilizadas en cada unha das obras. Un son claro e diáfano xunto cunha excelente interpretación ademais dunha eficiente e moi expresiva rexistración, fan deste disco un CD de calidade a ter moi en conta nunha completa discografía arredor do órgano. Ademais, descubrirán un magnífico compositor e admirarán o son dun órgano espectacular.
Un anaquiño (menos dun minuto) da obra Balada en Eco:

Tocando polo cambio por todo o mundo – Stand by me

A tecnoloxía musical e as TIC poden facer isto: posibilitar a interpretación da mesma peza por varios músicos en lugares distintos do planeta. “Playing for Change” é un movemento multimedia creado para inspirar, conectar e traer a paz ao mundo coa música como ferramenta. Vexan a proba: esta versión de Stand by me comeza en Santa Mónica (USA) e pouco a pouco vanse sumando a ela músicos da rúa e intérpretes de diferentes zonas do mundo. A disfrutar! Podemos cambiar o mundo? A linguaxe da música é universal…

Terra de soños – Fuxan os ventos

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Xeral

Onte, a TVG, como contraprogramación ao partido entre o Barcelona e o Madrid, emitiu en diferido o concerto de Fuxan os Ventos en Santiago. O espectáculo chámase Terra de soños. Nel, os actuais membros deste mítico grupo galego, un dos pioneiros na música galega, interpretan cancións da súa ampla traxectoria musical acompañados de amigos e amigas que colabouraron con eles. O espectáculo cautivounos desde o primeiro momento cunha produción musical que estivo a grande altura, moi coidada e exquisita. Xunto a isto, a beleza expresiva da nosa lingua e da nosa música conseguiron que disfrutaramos duns intres máxicos.

Consideramos importante este proxecto xa que revaloriza e pon en actualidade perante os máis novos o labor deste grupo musical que tanto contribuíu ao espallamento da cultura galega.

Orella pendella

  • Autor da entrada:
  • Categoría da entrada:Recursos

Orella pendella é unha páxina que quere difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI. Consiste nunha recopilación e clasificación de ditos, recitados, recitados dialogados, xogos, cancións, trabalinguas… Ademais está aberta á ampliación e á participación de todas e todos.

Teclado virtual

Un teclado virtual en Internet permite ao alumnado a realización de diferentes actividades de descubrimento musical: ordenacións de sons, diferenzas de altura entre sons, diferentes distancias entre sons contiguos, alteracións (sostenidos e bemoles), escalas, interpretación e invención de melodías, diferenzas tímbricas… Algúns ofrecen incluso a posibilidade de crear acordes e escoitalos e tamén a improvisación de melodías sobre unha base rítmica (aínda que o retraso entre a pulsación e o son constitúe un pequeno problema).

Mostra de teclado virtual.