Esta famosa peza de J.S.Bach, o Air da Suite para orquestra de cordas en RE (ollo co título do vídeo, que ten un erro), da que xa presentamos un arranxo para órgano neste noso sitio, aparece neste vídeo en forma de partitura e de gráfico musical de xeito que, ademais de gozar da excelente música de Bach, podemos relacionar a escritura musical convencional con outra non convencional pero que representa dun xeito moi intuitivo a duración (coa lonxitude das barras), a altura (coas barras máis arriba ou mías abaixo) e o timbre (coas cores).
Última actualización feita o Sábado, 24 Xullo 2010 10:21
Tafelmusik - Telemann
Venres, 09 Xullo 2010 12:41
administrador
O compositor alemán Georg Philipp Telemann (1681-1767) foi contemporáneo de J.S.Bach e amigo persoal de Haendel. Compositor moi prolífico, autodidacta, chegou a dominar instrumentos coma o violín, a frauta de bico, o óboe, o órgano, entre outros.
O termo Tafelmusik fai referencia á música que se interpretaba durante os banquetes nos séculos XVI e XVII. No século XVIII foi substituído polo termo divertimento. Telemann compuxo tres producións de Tafelmusik. En cada unha delas preséntasenos a mesma estrutura: obertura, cuarteto, concerto, trío, solista e final, todas na mesma tonalidade.
Da segunda produción, na tonalidade de re, escollemos, para ilustrar musicalmente este artigo, o primeiro movemento do cuarteto para frautas:
Última actualización feita o Venres, 09 Xullo 2010 12:51
Concerto en re menor para violín- Schumann
Domingo, 04 Abril 2010 15:48
administrador
Ao redor de 1852, no medio dunha grande crise psicolóxica, Schumann estaba a desenvolver un novo estilo de compoñer. Unha mostra disto é o Concerto en re menor para violín e orquestra. O segundo tempo constitúe o movemento máis importante e no que este novo estilo se pode apreciar. Resulta un movemento enigmático, conmovedor, con momentos de grande tensión emotiva seguidos de pequenas pausas no discurso. Case é un tempo monotemático. A base de todo está nun deseño sincopado inicial que, aos poucos, vai aparecendo na orquestra ou no solista. Mentres, o tema amplíase, recórtase, outras veces suxírese, soa algo diferente cada vez que o escoitamos. Estamos, sen lugar a dúbidas, no inicio da forma cíclica, recurso moi empregado por compositores que viñeron despois. Por tanto, esta obra, ten moito de precursora. Ademais, ao propio compositor causoulle un forte impacto este tema. Era ese tema que dicía que fora dictado polos anxos, coa axuda de Schubert e Mendelssohn xa falecidos. Todo isto xeroulle grande anguria e levouno á súa terceira e derradeira crise que acabaría, despois de tirarse ao Rihn e de estar internado nun psiquiátrico, coa súa vida.
Ante todo, nesta obra apreciamos o xenio compositivo de Schumann. Ese xenio que se manifesta nunha linguaxe musical propia e única, inconfundible, orixinal, cun tratamento harmónico e orquestral tan persoal que semella estar ás veces fóra do seu tempo.
O violinista Liviu Prunaru interpreta o segundo movemento que dura ata o minuto 5:50, cando empeza o terceiro movemento.
Última actualización feita o Domingo, 04 Abril 2010 16:19
Mañá de Primavera - F. Delius
Venres, 02 Abril 2010 00:00
administrador
Estamos estrenando a primavera. Buscando e buscando, atopamos Mañá de Primavera, de Frederick Delius, un compositor a descubrir. Este compositor de orixe alemán, que estudiou tarde en Leipzig, que foi gran amigo de Grieg, está influenciado polo Impresionismo e polo Romanticismo tardío.
Disfruten desta mañá primaveral, unha obra case monotemática, agradable, chea de paz, con fermoso colorido tímbrico e que rezuma amor á natureza.
Última actualización feita o Venres, 02 Abril 2010 12:30
Violoncello e piano - O cisne - Saint-Saëns
Mércores, 17 Febreiro 2010 21:40
administrador
O Carnaval dos Animais, peza humorística do francés Camille Saint-Saëns, constitúe unha boa audición para iniciarse no mundo dos diferentes instrumentos da orquestra e das súas combinacións.
O cisne, case ao final da peza, ilustra a combinación violoncello-piano. A melodía do violoncello amósase tenra e morriñenta, case semella o laio dun ser humano. O piano interpreta un deseño semellante á auga mecéndose nun estanque... O conxunto resulta dunha beleza impactante.
Última actualización feita o Mércores, 17 Febreiro 2010 21:48