O Coro Universitario do Campus de Ourense, Schola Cantorum, nace no curso académico 2009-2010 baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus, coa vocación de se converter nun punto de encontro interxeracional e interdisciplinar de toda a comunidade universitaria e, ao mesmo tempo, aberto á sociedade ourensá.
Concibimos o Coro Universitario coma unha escola de convivencia, coma un ámbito para o desenvolvemento humanístico, artístico e musical dos seus compoñentes e coma un espazo no que se faga realidade o ideal de formación ao longo de todo o ciclo vital.
Dirixido polo profesor Xabier Álvarez desde a súa fundación, traballa un repertorio polifónico moi variado no que caben obras de tódalas épocas, estilos e diferentes culturas musicais.
Neste momento está integrado por máis de 40 voces das que só 10 corresponden ás cordas masculinas (Tenores e Baixos) polo que estamos necesitados de reforzalas con novas incorporacións. Este chamamento aos lectores de “Música na escola” é unha invitación a formar parte deste proxecto ilusionante de dotar a Ourense dun Coro Universitario.
Os ensaios do coro celébranse luns e xoves, de 20 a 21:30 horas, na aula de música do Edificio de Facultades (edificio de ferro). Os interesados poden dirixirse ao director no teléfono: 636 290 479.
![]() |
![]() |











