Unha das páxinas máis inspiradas de Rachmaninoff é, sen lugar a dúbidas, este terceiro movemento, Adaxio, da 2ª Sinfonía de Rachmaninoff. Un tema inicial cheo dun lirismo abraiante cun evocador acompañamento en forma de tresillos; outro tema cheo de morriña confiado na primeira sección ao clarinete, un fermosísimo cumio expresivo de toda a orquestra co primeria tema; unha sección intermedia onde aparece un diseño en semicorcheas, xa escoitado no primeiro tempo, que dá paso a un diálogo entre corno inglés, oboe co apoio das trompas culminado por varias oleadas da corda e que remata nun crescendo que chega á exposición do tema principal da sinfonía de xeito que, ao final, a harmonía vaise abrindo ata volver empezar outra vez a primeira sección despois dunha pausa. Vanse sucedendo diversas entradas solistas co primeiro tema mesturado ás veces co diseño en semicorcheas da parte central, o clarinete expón agora o tema primeiro mentres que despois á corda tócalle expoñer o segundo tema con diversas entradas de instrumentos de vento co diseño do primeiro tema.Remata o adaxio cunha volta do primeiro tema en tutti, acadando outro grande cumio expresivo e cun decrescendo idílico e remate en pianísimo escoitando algúns deseños de todo o exposto neste tempo. As violas e violonchelos anuncian a coda final.

Un páxina mostra do grande sinfonismo de principios do século XX, aínda dentro da escola tardo-romántica.

A NHK Symphony Orchestra dirixida por André Previn interpreta nestes dous vídeos o III movemento desta 2ª Sinfonía de Sergei Rachmaninoff.