Les Indes Galantes é unha ópera-ballet de Rameau. Consta dun prólogo e 4 actos ou “entrées”, nos que se desenvolven historias de amor “galante” en lugares remotos e exóticos, comprendidos baixo o nome xenérico de “As Indias”. Estes lugares son Turquía, Perú, Persia e Norteamérica.

Nesta ópera-ballet están presentes as formas musicais que caracterizan a ópera moderna: anacos puramente orquestrais, ballets, recitativos acompañados por clave, arias, dúos, escenas corales...

No cuarto acto “Os salvaxes de Norteamérica”, comeza cunha historia de amor na que o francés Damón, o español Don Alvar e a nativa Zima simbolizan distintos caracteres do amor: a constancia, a inconstancia e a inocencia. A segunda parte deste acto está integrada por un rondó, a ceremonia da cachimba da paz e finaliza coa chacona.

Ofrecémoslle esta segunda parte do cuarto acto, nunha produción espectacular e marabillosa, dirixida por William Christie coa orquestra Les Arts Florissants.

Á súa disposición a partitura para clave Os salvaxes