Sábado, 17 de Decembro de 2011
Aló entre as pallas é unha das panxoliñas tradicionais máis coñecidas e cantadas en Galicia. Destaca a melodía da estrofa, se cadra, un chisco arranxada por algún músico.
Aquí en formato Scorch de Sibelius.
Aquí en formato pdf.
Martes, 6 de Decembro de 2011
Esta é a versión web e interactiva do libro Os instrumentos musicais na Tradición Galega de Pablo Carpintero. Está promovida polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Xoves, 31 de Decembro de 2009
Por estas datas, ano novo, vida nova, cántanse as despedidas/entradas de ano que son cantos que aproveitan modelos doutras cancións galegas para reflectir unhas datas de moita diversión. Xeralmente sempre levaban acompañamento de moitos instrumentos para facer barullo e poder cantar e bailar.
Nesta Despedida de ano que presentamos podemos apreciar como se suceden tres xotas na mesma canción.
Feliz e próspero aninovo a todos/as!!!
Martes, 29 de Decembro de 2009
Un romance galego que conta a historia de Don Sancho, quen foi a terra de mouros e volveu deixando a súa alma prendida nunha fonte… Presentamos dúas partituras:
- Para voz.
- Para frauta, en re menor, para practicar o si bemol.
Tamén en versión pdf.
Luns, 7 de Decembro de 2009
Non está de máis incluír no noso sitio, agora que se achega a conmemoración do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en referendo o 21 de decembro de 1980 (xa pasaron 19 anos), a partitura do Himno Galego, composición de Pascual Veiga con letra de Eduardo Pondal.
Para obter máis información sobre o Himno Galego, prema nesta ligazón ou consulte na Galipedia.
Venres, 7 de Agosto de 2009
O compositor lucense Juan Montes (1840-1899) compuxo as «Seis baladas gallegas» editado por Canuto Berea y Cª de A Coruña. Trátase de seis composicións para piano (con letra) cos seguintes títulos: As lixeiras anduriñas, Doce sono, Negra sombra, Lonxe d’a terriña, Unha noita n’a eira d’o trigo e O pensar d’o labrego.
En Negra sombra, Montes pon música ao poema do mesmo nome de Rosalía de Castro. A balada para piano foi tomada polo autor dunha fantasía para orquestra. É posible que unha versión para coro existise antes, pero publicouse primeiro a versión para piano.
Esta é unha das melodías máis famosas e fermosas da nosa música galega, moitas veces versionada.
Domingo, 10 de Maio de 2009
No mes de maio en moitas zonas de Galicia constrúense maios e invéntanse unhas coplas con aire crítico que os neos e os maiores cantan.
En Ourense celébranse o dia 3 de maio, festa da Santa Cruz. Por iso, o maio enxebre é unha pirámide que remata nunha cruz, feita de madeira, tea de saco, brións e colares de carrabouxos e flores de xesta branca e amarela. Logo están os maios artísticos que representan escenas típicas.
Traemos aquí unha cantiga de maio, concretamente de Vilalba (Lugo) que aparece no Cancioneiro de Torner e Bal y Gay. Si, nese cancioneiro que debería estar obrigatoriamente nas aulas de música de todas as escolas galegas… A melodía é alegre cunha inflexión no final da primeira semifrase moi lírica.
Dispoñible en pdf
Mércores, 25 de Xullo de 2007
Galicia faise día a día. O 25 de xullo ten moitos significados, case tantos coma galegos. Para uns é un día de festa; para outros,un día de festa relixiosa; para outros é un día de reivindicación e para outros, un día coma outro calquera. Cada un que lle dea o seu propio significado.
Para festexar esta data traemos a primeira estrofa do poema de Ramón Cabanillas, Galicia:
¡Galicia! Nai e Señora
sempre garimosa e forte;
preto e lonxe; onte, agora,
mañán… na vida e na morte!
Tamén publicamos o Himno Nacionalista Galego, con letra de Alfredo Brañas e Música de Iglesias Alvariño.