Tempos difíciles estamos a vivir. A música é a linguaxe universal, capaz de unir pobos e persoas diferentes, pero que comparten sentimentos e vivencias. Contra os vellos ou novos muros, MÚSICA.
Unha mostra de fusión cubana e mexicana do compositor mexicano Arturo Márquez…. O director Christian Vasquez e a Orquesta Sinfónica de Galicia regálannos unha fermosa versión desde aquí, nun curruncho da Península Ibérica.
Música contemporánea. Composta neste século, interpretada polo propio compositor… que máis podemos pedir!
Fermosa composición para oboe e piano onde, ao final, hai unha pequena sorpresa…
Juan Pérez Berná, oboe; Javier Vázquez Grela, piano. Conservatorio de A Coruña.
A Sinfonía nº 45 de Haydn presenta un Finale cun carácter reivindicativo. A obra foi escrita para o príncipe Nikolaus Estherházy, nunha época na que os músicos permaneceron moito tempo no pazo de verán en Eszterháza. Dado que os músicos querían voltar a casa coa súa familia, Haydn compuxo o último movemento, no adaxio final, de tal xeito que cada músico deixa de tocar, apaga a súa candea e vaise… vanse pouco a pouco ata que ao final só quedan o propio Haydn e o concertino da orquestra tocando coa sordina. A mensaxe foi captada polo príncipe e os músicos puideron, ao rematar o concerto, volver a casa.
Esta escena reviviuse no Concerto de Ano Novo 2009 pola Orquestra Filharmónica de Viena con Daniel Barenboim ao seu fronte. A interpretación dramática do director é salientable, de xeito que aporta un enfoque humorístico, moi apropiado segundo a escenografía tradicional deste concerto. A disfrutar!!!
LilyPond é un editor de partituras cunha sintaxe particular pero que consegue unha calidade á hora da impresión impresionante. Ademais de Frescobaldi, podemos utilizar dous servizos en liña que permiten escribir o código, visualizar a partitura e poder descargala en formatos midi e pdf. Son:
LilyBin. Non precisa que o usuario se rexistre para traballar con el.
WebLily. Este servizo precisa que o usuario se rexistre.
Estamos castigados! En Ourense levamos 14 meses sen música de banda. O conflito xurdido entre a asociación Ricardo Courtier e o Concello que rematou na convocatoria dun novo concurso está aínda sen resolver. A pesares das mostras e mobilizacións de apoio á banda que se desenvolveron, semella que os responsables culturais do Concello, respaldados polo sr Alcalde, castigaron á cidadanía á total prohibición da música de banda, tamén nas festas maiores da cidade, nas que non se programou ningún, repetimos “ningún”, concerto dunha banda de música procedente de calquera punto da xeografía galega ou española. Un auténtico despropósito! É negarlle o disfrute aos ourensáns e ás ourensás dunha manifestación cultural que se remonta a finais do século XIX, que conserva e difunde un patrimonio musical e inmaterial que é de todos nós; elimina un importante elemento dinamizador para os compositores e músicos actuais; anula un fantástico recurso educativo musical que se ofrece a toda a poboación (si, escoitando música as persoas se educan musicalmente e conseguen esa educación integral á que todos e todas aspiramos). Por outra banda, semella que esta medida contribúe a darlle pulo ao conflito case persoal que determinado grupo municipal mantén contra a agrupación ourensá.
Desexamos que a música de banda estea axiña de volta soando nas nosas rúas, prazas e auditorios. Todos seremos un chisco máis felices.
Un proxecto que recentemente acaba de ver a luz é o KDE – Minuet, un programa de educación musical e auditiva desenvolvido dentro do escritorio KDE con tecnoloxía Qt, polo tanto podémolo atopar nas diferentes distribucións Linux, tamén dispoñible para Android, a través de Google Play. O programa vai collendo cada vez novas características e os desenvolvedores, Sandro Andrade e Ayush Shah, prometen dedicación e esforzo.
Este sitio web utiliza cookies para que teña mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información.
ACEPTAR