A OSG cumpre 15 anos

A Orquestra Sinfónica de Galicia OSG está a piques de cumprir 15 anos. Parabéns!

O 15 de maio de 1992, baixo a batuta de Sabas Calvillo, iniciou a súa andaina musical esta orquestra galega formada nese tempo por 72 músicos de máis de 20 nacionalidades. O traballo diario e a grande cantidade de concertos organizados, os directores que traballaron e traballan con ela e unha boa xestión levaron a esta nosa orquestra a ser considerada, hoxe en día, unha das mellores de España. Os proxectos musicais que se están a desenvolver (Festival Mozart, coro, coro xove, orquestra xove) así­ como as actividades pedagóxicas que realiza crean na súa cidade unha canteira importante de oí­ntes e afeccionados que augura un interesante e próspero futuro. Tamén o número de músicos da terra aumentou co paso do tempo debido a estas iniciativas.

Desexamos que o espíritu de superación de todos os seus integrantes siga a dar tan bos resultados. Aproveitamos para expresar un desexo persoal: que se prodiguen máis polo sur de Galicia.

Parabéns!

Ampliaciónn: Poden ler a entrevista que “El País” realiza ao director titular da OSG Víctor Pablo Pérez.

A harmónica de cristal

Iniciamos unha serie de artigos adicados a instrumentos pouco frecuentes coma a Harmónica de cristal, un instrumento perfeccionado no século XVIII por Benjamin Franklin.

Este instrumento consiste nunha serie de pratos ou cuncas de cristal superpostos e aliñados horizontalmente, atravesados por un eixo conectado a un pedal que, cunha correa, o fai xirar. Se esta estructura se toca cos dedos mollados prodúcese unha sonoridade doce, máxica. É, polo tanto, un instrumento idiófono.

Neste vídeo, correspondente á suite “O Crebanoces” de Tchaikovski, poden escoitar a “Danza da Fada de azucre”.

Das Klinget – A Frauta Máxica – Mozart

Das Klinget é un anaquiño de música de “A Frauta Máxica” de Mozart ben entrañable. A versión aquí ofrecida está realizada para frautas soprano e contralto, carillón e demais PAD. Está transportada a Do maior (o orixinal en Sol Maior). A parte de frauta é moi asequible, tamén os PAD. A parte do carillón resulta máis complicada, pero sempre é posible empregar a partitura como acompañamento… Hai moitas posibilidades.

É posible descargar a partitura en pdf.

A danza dos cisnes – Tchaikovsky

A danza dos cisnes, pertencente ao ballet “O lago dos cisnes” de Tchaikovsky, constitúe unha partitura axeitada para traballar algúns conceptos de linguaxe musical como o grupo rítmico Ti-tiri ou o do# agudo na frauta.

Nesta ligazón teñen unha proposta de instrumentación para frauta e PAD do primeiro tema.

Tamén dispoñible a partitura en formato pdf.

CPDL

CPDL é un sitio obrigatorio para músicos interesados en partituras para coro. Neste intre, hai máis de oito mil partituras de case 1300 compositores. Todas as partituras están en formato pdf, incluso de moitas delas é posible descargarse os ficheiros fonte. Está montada a páxina nun sistema wiki que facilita a colaboraciónn dos usuarios.

Timoteo e o ladrón de cancións

Dentro da colección de contos musicais de Agruparte, e pertencente ás novidades do ano 2006, podemos destacar un conto titulado Timoteo e o ladrón de cancións. Este conto, en Castelán, gañou o I Concurso de Contos Musiciais da FOFGC. O autor da música e do texto é José Antonio Esteban Usano. Un conto interesante, con momentos argumentais e musicais ben conseguidos. Por certo, Timoteo toca a gaita e claro, como non forma parte da orquestra sinfónica, a instrumentación que simula unha gaita é o oboe como punteiro e o corno inglés como roncón coa axuda do clarinete para redondear a melodía. Este sería un bo conto para traducilo ao galego e utilizar a gaita galega coa orquestra, cousa que non tería que escandalizar a ninguén.