Curso de edición de partituras con MuseScore en Linux Musical

MuseScore é un editor de partituras de balde para linux e windows do que xa falamos hai un tempiño. O programa vai madurando e na próxima versión 0.9.5 aparecerán novidades sorprendentes…
A versión 0.9.4 permite crear partituras con boa calidade… En Linux Musical ofrécennos un curso de edición de partituras empregando MuseScore…

Día das Letras Galegas 2009

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2009
Esta terra ten fala
de seu, como unha rosa,
mais un vento de morte
quere tirarlle as follas.


Palabras para o amor,
a xenreira e a loita,
palabras como pétalos,
que rin e tamén choran.


Palabras que dixeron
os avós e as avoas.
Ao falarmos Galego
na nosa voz ecoan.


Palabras dunha lingua
feita á medida nosa,
se as deixamos caer
non teremos Historia.


Marica Campo

Parodia…

Doodley Moore foi un bo actor cómico ademais dun pianista cun grande nivel técnico… Non o sabían? Temos visto algunha película na que toca o piano con bastante solvencia. Tamén realizou parodias musicais. É salientable unha que creou baseándose no estilo de Beethoven nas súas sonatas. Non se lle ocorreu outra cousa que utilizar como tema o da película “A ponte sobre o río Kwai”, en modo menor, para desplegar todo un arsenal de recursos utilizados polo compositor alemán e amosarnos a todos que ao piano ten calidade suficiente como para deixarnos sorprendidos…
A comprobarlo…!

II Semana de Música Antiga e Tradicional – Conservatorio de Ourense

Entre o 23 e o 29 de marzo celebrase no Conservatorio Profesional de Música de Ourense a II Semana de Música Antiga e Tradicional, organizada por este centro educativo musical. Durante a semana haberá varios concertos, concertos didácticos, conferencias, clases maxistrais e exposicións de instrumentos… A entrada a estes actos será libre ata completar o aforo. Unha boa ocasión para tomar contacto con estes dous tipos de músicas.
Para máis información, premer nesta ligazón.

Sonido y oído – Fernando Palacios – Podcast – RTVE

RTVE-Radio Clásica ten publicado na rede o programa “Sonido y oído” en formato Podcast. “Sonido y oído” é un programa creado por Fernando Palacios onde se amosa todo o arsenal pedagóxico e didáctico-musical do autor cun enfoque moi persoal e creativo. Coas novas tecnoloxías xa podemos descargar os ficheiros e empregalos. Lembremos que hai bastantes anos, RTVE publicou en cinta casete o programa a un prezo bastante caro daquela.

Premer aquí

Lilypond 2.12.1

O pasado 31 de decembro de 2008 liberouse a versión estable do editor de partituras libre e multiplataforma Lilypond 2.12.1. Lembremos que este programa é un compilador e que a partitura créase nunha aplicación de texto seguindo unha sintaxe específica. Sobresae a calidade gráfica da partitura xerada.
Entre as principais novidades desta versión destacamos a mellora na detección das colisións de tal xeito que no pentagrama, os obxectos evitan automaticamente coincidir entre eles, facilitando a edición. Tamén destacamos a completa documentación, xa traducida ao castelán, ademais da inclusión de 30 novas características e a corrección de case 200 fallos.

* Lista de novidades
* Descarga de Lilypond 2.12.1
* Documentación de Lilypond 2.12.1

Tocando polo cambio por todo o mundo – Stand by me

A tecnoloxía musical e as TIC poden facer isto: posibilitar a interpretación da mesma peza por varios músicos en lugares distintos do planeta. “Playing for Change” é un movemento multimedia creado para inspirar, conectar e traer a paz ao mundo coa música como ferramenta. Vexan a proba: esta versión de Stand by me comeza en Santa Mónica (USA) e pouco a pouco vanse sumando a ela músicos da rúa e intérpretes de diferentes zonas do mundo. A disfrutar! Podemos cambiar o mundo? A linguaxe da música é universal…