Arquivo
II Semana de Música Antiga e Tradicional – Conservatorio de Ourense
Entre o 23 e o 29 de marzo celebrase no Conservatorio Profesional de Música de Ourense a II Semana de Música Antiga e Tradicional, organizada por este centro educativo musical. Durante a semana haberá varios concertos, concertos didácticos, conferencias, clases maxistrais e exposicións de instrumentos… A entrada a estes actos será libre ata completar o aforo. Unha boa ocasión para tomar contacto con estes dous tipos de músicas.
Para máis información, premer nesta ligazón.
Sonido y oído – Podcast
RTVE-RNE Clásica está a publicar de novo o programa «Sonido y oído«, agora en versión Podcast. «Sonido y oído» é un programa creado por Fernando Palacios onde se amosa todo o arsenal pedagóxico e didáctico-musical do autor cun enfoque moi persoal e creativo. Coas novas tecnoloxías xa podemos descargar os ficheiros e empregalos nos novos medios. Lembremos que hai bastantes anos, RTVE publicou en cinta casete o programa a un prezo bastante caro daquela. Polo tanto, esta é unha oportunidade única.
Cursos de Harmonía, Contrapunto e Fuga
Os cursos de Michel Baron, profesor do Conservatorio de Quebec ata a súa xubilación en 2007, destacan por seren sinxelos, claros, cun bo enfoque didáctico, froito dos moitos anos de experiencia no ensino destas materias teóricas e fundamentais para un músico. Son cursos gratuítos e paga a pena consultar as súas páxinas. Para ir a calquera destes cursos, premer na ligazón:
MuseScore 0.9.4
Acaba de saír a nova versión 0.9.4 do editor de partituras MuseScore. Lembremos que é un programa de balde, dispoñible para Windows e Linux. Entre as novidades desta versión podemos salientar o soporte para o Galego na axuda vía web así como a tradución do interface do programa á nosa lingua.
Prema para descargar.
OOoLilyPond
OOoLilyPond 0.3.3 é unha extensión para OpenOffice que permite inserir de xeito doado anacos de partituras en documentos de texto. Nesta última versión mellorouse moito a instalación da extensión e está preparada para a nova versión estable 2.12 de Lilypond.
Lilypond 2.12.1
O pasado 31 de decembro de 2008 liberouse a versión estable do editor de partituras libre e multiplataforma Lilypond 2.12.1. Lembremos que este programa é un compilador e que a partitura créase nunha aplicación de texto seguindo unha sintaxe específica. Sobresae a calidade gráfica da partitura xerada.
Entre as principais novidades desta versión destacamos a mellora na detección das colisións de tal xeito que no pentagrama, os obxectos evitan automaticamente coincidir entre eles, facilitando a edición. Tamén destacamos a completa documentación, xa traducida ao castelán, ademais da inclusión de 30 novas características e a corrección de case 200 fallos.
* Lista de novidades
* Descarga de Lilypond 2.12.1
* Documentación de Lilypond 2.12.1
Tocando polo cambio por todo o mundo – Stand by me
A tecnoloxía musical e as TIC poden facer isto: posibilitar a interpretación da mesma peza por varios músicos en lugares distintos do planeta. «Playing for Change» é un movemento multimedia creado para inspirar, conectar e traer a paz ao mundo coa música como ferramenta. Vexan a proba: esta versión de Stand by me comeza en Santa Mónica (USA) e pouco a pouco vanse sumando a ela músicos da rúa e intérpretes de diferentes zonas do mundo. A disfrutar! Podemos cambiar o mundo? A linguaxe da música é universal…
Terra de soños – Fuxan os ventos
Onte, a TVG, como contraprogramación ao partido entre o Barcelona e o Madrid, emitiu en diferido o concerto de Fuxan os Ventos en Santiago. O espectáculo chámase Terra de soños. Nel, os actuais membros deste mítico grupo galego, un dos pioneiros na música galega, interpretan cancións da súa ampla traxectoria musical acompañados de amigos e amigas que colabouraron con eles. O espectáculo cautivounos desde o primeiro momento cunha produción musical que estivo a grande altura, moi coidada e exquisita. Xunto a isto, a beleza expresiva da nosa lingua e da nosa música conseguiron que disfrutaramos duns intres máxicos.
Consideramos importante este proxecto xa que revaloriza e pon en actualidade perante os máis novos o labor deste grupo musical que tanto contribuíu ao espallamento da cultura galega.
I Ciclo de Órgano Santa Eufemia do Centro – Ourense
Organizado por CajaDuero-Obra Social, os días 8, 15 e 23 de novembro terá lugar o I Ciclo de Órgano en Santa Eufemia do Centro. Todos os concertos comezarán ás 20:15 h. con entrada libre.
O sábado 8 tocará o organista Juan María Pedrero Encabo. O sábado 15 de novembro, será a quenda do organista Roberto Fresco. O domingo 23 tocará a organista e profesora de Órgano do CMUS de Ourense, Soledad Mendive.
O organeiro Federico Acitores está a realizar esta semana traballos de posta a punto do instrumento para poder afrontar con garantías este ciclo de conciertos e deixar o órgano no mellor estado posible para o seu uso diario.
Para coñecer un poco máis este instrumento poden ler o artigo de OrganOurense.