All of Bach

O proxecto de gravar toda a obra de J.S. Bach en formato dixital de calidade e ofrecela en streaming accesible a calquera persoa arrancou oficialmente o 2 de maio de 2014. Este proxecto chámase All of Bach.

Está respaldado pola Nederlandse Bachverenining e dirixido por Jan Van den Bossche. Quere ser coma un resumo dun período moi importante na historia da práctica interpretativa da música barroca. Cada semana, máis ou menos, engádese unha nova interpretación. Ademais de poder vivir a música, tamén nos proporcionan informacións variadas sobre a partitura, o instrumento ou o intérprete da cada unha das gravacións.

Como mostra, nesta ligazón pódese gozar coa Toccata e fuga en re menor BWV 593, Dórica (así chamada na Edición Peters para diferenciala da outra máis famosa). Está interpretada polo organista Leo Van Doesebaar no órgano da Walloom Church, en Holanda.

O pito pastoril – Método de Moisés Quintas

Moisés Quintas, mestre de Educación Musical e frautista, vén de publicar un estupendo método para aprender todo sobre o pito pastoril, a frauta doce da música tradicional galega.

O plantexamento didáctico, a secuenciación das dificultades, o emprego de exemplos sonoros, a profundidade dos contidos xunto coa claridade e sinxeleza na exposición fan deste método imprescindible e constitúe un fito único na pedagoxía musical galega.

Noraboa por este brillante traballo, Moisés!

Guía didáctica dos instrumentos galegos – Moisés Quintas

Moisés Quintas presenta esta tarde ás 20:00 h. nos locais da Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo a súa publicación titulada “Guía didáctica de instrumentos galegos”. O autor mostra unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución.

Ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio con todos os instrumentos, esta guía preséntase como unha excelente e práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega. O CD inclúe ademais unha pista interactiva en formato web con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos.