Sábado, 2 de Maio de 2009
Esta famosa Sarabande en re menor, pertencente á suite para clave na mesma tonalidade composta por Haendel, é unha famosa obra que ten aparecido como banda sonora dalgunha película.
O procedemento da variación está moi presente nesta composición. Hai que recoñecer que Haendel era un mestre deste recurso compositivo. Non resulta pois raro que outros dous mestres da variación posteriores no tempo, Beethoven e Brahms, estudasen esta música.
A sarabanda en formato pdf
Mércores, 8 de Abril de 2009
A Chacona e a Passacaglia son dúas formas musicais propias do Barroco baseadas no procedemento compositivo chamado variación. A diferenza principal entrambas é que a Passacaglia soe estar en modo menor.
A Chacona con variacións é unha interesante peza para instrumentos de tecla de Haendel que comeza coa exposición dun tema e 10 variacións do mesmo.
Domingo, 26 de Outubro de 2008
Pachelbel foi un compositor do Barroco alemán que desenvolveu o seu labor no sur de Alemaña, en Baviera. Foi clavecinista e organista así como compositor importante.
Esta Sarabanda resulta sinxela na súa idea, doada e fermosa. Tamén en formato pdf
Luns, 11 de Agosto de 2008
A misa en do menor KV 427 de W.A.Mozart é unha xoia musical pola súa inspiración, pola súa fondura, polo seu lirismo e polos momentos brillantes e de extraordinaria beleza que nos brinda. É música, MÚ – SI – CA. Pode ser creente ou non creente, pero esta música de Mozart chegará ao fondo da alma, non lle deixará indiferente, ten o inmenso poder de elevarnos cara un mundo marabilloso de sons e sensacións. Se non a coñecen, anímense a entrar neste fermoso mundo.
Inspirándose nesta misa, concretamente no fermosísimo Kyrie, Mozart compuxo un exercicio de solfexo, Solfeggio in F , que nós brindámoslle en versión para clarinete e fagote, para que distingan claramente a melodía…
Venres, 1 de Agosto de 2008
Seguindo coa publicación das «Seis Fuguetas» de Haendel, agora imos coa número 3, unha pequena peza en Re Maior con algúns momentos inspirados.
Fugueta nº 3.
Para descargar a versión en pdf, premer nesta ligazón
Sábado, 22 de Marzo de 2008
As Seis fuguetas de Haendel poden constituir un bo material para iniciarse e traballar o estilo contrapuntístico dun xeito agradable.
Como exemplo, aquí ofrecemos a Fugueta nº 1.
Aquí en versión pdf.
Xoves, 27 de Decembro de 2007
Unhas rapazas interpretaron en clase de música a catro mans esta peza. Aos seus compañeiros encantoulles. Por iso, ofrecémoslles unha versión para piano e frauta doce da danza Tamboril chinés de Vicenzo Billi.
Tamén en formato pdf.
Domingo, 7 de Outubro de 2007
Despois do artigo anterior no que tratamos a música de Rameau, agora tócalle a quenda á súa música: Os salvaxes que pertence á quinta suite das «Novas suites para clavecín» que apareceron en 1.728.
Nesta partitura omitimos calquera signo referido aos adornos.
Dispoñible tamén en pdf.
Xoves, 13 de Setembro de 2007
Carl Phillip Manuel Bach é, posiblemente, o mellor músico da descendencia do xenial J.S.Bach. Xa case dentro do período Clásico, as súas obras semellan unha ponte entre o estilo do Barroco e o novo Clasicismo.
Ofrecemoslles a partitura da obra para piano titulada Solfeggietto .
Luns, 13 de Agosto de 2007
Esta fermosa Sarabanda de Haendel en mi menor posúe un engado peculiar: primeiro semella bastante cromática, mais na segunda parte, cando vai a sol maior, parece simplificarse ata regresar á tonalidade principal.
Aquí a versión en pdf.