O segundo abandono dos órganos

O segundo abandono dos órganos é o título dun artigo que aparece na web culturagalega.org no que se trata da paralización do estudo e catalogación do patrimonio organístico galego iniciado pola Consellería de Cultura en 2009. O traballo xa rematou tres das cinco diócesis galegas. Catalogar, estudar o instrumento e a caixa, coñecer o seu estado real, facer unha aproximación á súa historia, coñecer o valor auténtico do instrumento… son pasos fundamentais para poder desenvolver unha actuación de posta en valor e recuperación do patrimonio organístico.
O cambio de modelo que están a levar a cabo os políticos gobernantes actuais escudándose na crise, desprestixiando todo o que sexa público, favorecendo a iniciativa privada (que só quere estar alí onde poida sacar beneficios económicos) está na orixe da perda do estado de benestar, que non só é educación, sanidade e dependencia, senón tamén, cultura, e dentro da mesma, música, e dentro da mesma, o órgano como instrumento musical froito do avance da tecnoloxía e da arte do ser humano a través da historia. Son malos tempos… Debemos reaccionar!

II Xornadas de Órgano Cidade de Ourense

A Asociación de Amigos do Órgano Un Rato No Tubo organiza desde o 28 ao 30 de novembro as II Xornadas de Órgano Cidade de Ourense. As actividades abranguen desde unha exposición fotográfica co órgano como protagonista, un encontro coa organista portuguesa Edite Rocha e un concerto de órgano na Igrexa de Santa Eufemia a cargo da mencionada Edite Rocha cun programa con obras de compositores portugueses e franceses do século XIX e XX.

Máis información na web de Asociación Un Rato No Tubo.

Cartaz das II Xornadas de Órgano Cidade de Ourense

Unha Santa Icía 2012 reivindicativa

Sopran malos ventos para o ensino da Música en España. O anteproxecto de reforma educativa elaborado polo Ministerio de Educación e Cultura propón a supresión do Bacharelato de Música e Artes Escénicas, creado pola LOE de 2006 co fin de integrar as artes escénicas, a música e a danza nas ensinanzas de réxime xeral. Ademais de posibilitar nas probas de acceso á universidade a entrada nunha chea importante de carreiras, de poder beneficiar aos alumnos dun sistema de convalidacións para que se centren nas materias específicas da súa arte, a ubicación dalgún centro de secundaria preto dun conservatorio facilita unha mellor e máis completa formación do alumnado desta especialidade.
É hora de mobilizarse. O Consello Escolar e o Claustro de Profesores do CMUS de Ourense convoca hoxe, día 22 de novembro, ás 18h30, unha concentración diante do centro para rexeitar esta pretensión do MEC.
O valor educativo da Música é innegable. Por se alguén non o ten claro, esta presentación realizada por Mª Jesús Camino, pódelle aclarar a cuestión.

A nova Aula Antonio Jaunsarás no CMUS de Ourense

O CMUS de Ourense, dentro da súa Semana Santa Icía 2012, realizará o vindeiro martes, 20 de novembro, ás 19:30 h o nomeamento da Sala de Órgano como Aula Antonio Jaunsarás.
Antonio Jaunsarás San Miguel foi sacerdote, cóengo, compositor e organista da Catedral de Ourense desde 1919 ata 1957. Este músico naceu en Muruzábal (Navarra) en 1896. Foi alumno de Bonifacio Irazoioz en Pamplona e gañou a praza de organista de Ourense. Desenvolveu un gran labor musical na nosa cidade e foi director da Coral de Ruada. Presidiu a Sociedade Filharmónica Ourensá en 1955 e director adxunto do Conservatorio de Ourense no ano da súa fundación, 1958. Finou en 1969.
O acto contará coa participación de D. José Ramón Estévez, quen falará sobre a figura do organista que dará nome á aula, a Coral de Ruada, que interpretará obras harmonizadas por Jaunsarás e Soledad Mendive, quen interpretará unha obra de Bach ao órgano.
A entrada ao acto é libre ata completar o aforo.

Comeza o Ciclo Sen Batuta 2012-2013

Cun concerto a cargo do Spanish Brass Luurs Metalls ás 20:30 no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo comza a quinta edición do ciclo de música de cámara Sen Batuta. Lembren que unha hora antes do concerto ten lugar un encontro entre os intérpretes e o público que o desexe, algo que ademais de ser un selo propio deste festival, contribúe a ter outra dimensión á hora de disfrutar do repertorio que posteriormente vaise escoitar.
Máis información en SEN BATUTA

Concerto didáctico de órgano en Celanova

Marisol Mendive, profesora de órgano do CMUS de Ourense e directora dos concertos didácticos de Celanova, desenvolverá un concerto didáctico de órgano na Igrexa de San Salvador de Celanova o martes, 7 de agosto ás 20:30 h. A entrada é de balde. Organizan o Concello de Celanova e AGADIC.

Cartel

A musica na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Londres

A música, na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Londres 2012, ocupou un papel fundamental. O xornal dixital The Telegraph realizou unha lista recopilatoria das diferentes obras musicais que soaron no acto co seu correspondente vídeo en Youtube. Moi interesante.

Por outra banda, o portal web Tu Experto informa que Spotify vén de crear unha lista de reprodución counha selección de 29 temas. Aquí facilítase o acceso á mesma.

Concerto de Ars Anterga na Igrexa de Fátima – Ourense

O vindeiro martes 15 de maio, Ars Anterga actuará na Igrexa de Fátima en Ourense. O concerto dará comezo ás 20:30 horas, e contará co seguinte programa:

Misterios de amor humano e divino

PRIMEIRO MISTERIO

Fanfarria
Dal mio Permesso…………………………..Claudio Monteverdi

SEGUNDO MISTERIO

Cantiga de Santa María nº 5: Quen as coitas
Cantiga de Santa María nº 94: Como Deus fez……………………..Afonso X O Sabio
Praeludium in E-dur BWV 566………………………………………….J.S. Bach

TERCEIRO MISTERIO

Cantiga de Santa María nº 257: Bem guarda Santa Maria
Cantiga de Santa María nº 328: Sabor a Santa Maria…………………..Afonso X O Sabio
Folle è ben che si crede………………………………………………….Tarquinio Merula

CUARTO MISTERIO

Cantiga de Santa María nº 345: Sempr’a Virgem groriosa
Cantiga de Santa María nº 371: Tanto vay Santa Maria……………….Afonso X O Sabio
Tiento de lleno……………………………………………………………..J.B. Cabanilles*

QUINTO MISTERIO

Cantiga de Santa María nº 10: Rosa das Rosas……………………….Afonso X ?O Sabio
Stella Splendens………………………………………..Anónimo (Llibre Vermell de Montserrat)
Si dolce é il tormento…………………………………………..Claudio Monteverdi

* No 300º Aniversario do seu pasamento.

ARS ANTERGA son:
Irma Fernández Alonso (órgano)
Ilduara Perianes Guitián (soprano)
Juan Manuel Vázquez Vázquez (corda pulsada)

Órgano feito por Amezúa e Cia.
Tiorba feita por Knud Sindt.
Vihuela feita por Asier de Benito Guío.

O Cuarteto Hagen en Ourense. Un concerto para lembrar.

Onte, 2 de maio de 2011, o festival Sen batuta agasallounos a todos os amantes da música de cámara cun sensacional concerto do Cuarteto Hagen quen interpretou os cuartetos nº 15 op 132 e nº 12 op 127 de Beethoven.
No coloquio anterior ao concerto, o violinista e grande mestre Rainer Schmidt explicou ao público, que encheu o Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, a situación do autor no momento da composición destas obras, o que estas significaron para el e para o devenir da música así como algúns aspectos do funcionamento e traballo desta estupenda agrupación.
Logo, o concerto foi marabilloso. Un son nítido, unha perfecta sincronización, unha interpretación soberbia. O público puido disfrutar de case dúas horas de ledicia.
Queremos destacar a numerosa presenza de alumnado do CMUS e de estudantes de Bacharelato e ESO co seu profesorado de Música, un dos aspectos, xunto co contacto directo cos intérpretes, que caracterizan este festival e que están a contribuír á mellor formación integral dos nosos xóvenes e que están creando un ambiente musical, un público de base que valore, disfrute e demande máis concertos.
Parabéns a SEN BATUTA.
Cuarteto Hagen