Escoita música de Mozart…
Despois de comezar o ano co Concerto de Aninovo desde Viena, non estaría mal seguir agora coa música de Mozart. Nesta máquina musical, só cómpre premer na manivela para cambiar de tema musical.
Despois de comezar o ano co Concerto de Aninovo desde Viena, non estaría mal seguir agora coa música de Mozart. Nesta máquina musical, só cómpre premer na manivela para cambiar de tema musical.
É Nadal… Hoxe, en moitas partes do noso planeta a ledicia invade a vida das persoas; noutros moitos lugares, a miseria, a guerra, a intolerancia, o deprezo polos dereitos humanos… son constitutivos do clima humano que se respira… Son as contradicións deste mundo que nos toca vivir.
Esta música que hoxe traemos aquí está chea de ledicia e, tamén, de esperanza. A melodía sobre a que a peza está construída data de 1533. É unha versión de Mike Oldfield da melodía de Nadal In dulci Jubilo. No vídeo, amósase a un xoven músico que toca todos os instrumentos.
J. S. Bach tamén empregou frecuentemente este tema. Ademais de versións para órgano, compuxo unha peza vocal, o Coral BWV 368 titulado In Dulci Jubilo, onde podemos apreciar o impresionante traballo harmónico do compositor. Comparando as dúas composicións, comprobaremos os cambios na linguaxe musical, froito da estética de cada época. Aquí está a partitura do Coral BWV 368.
Charles Chaplin foi un magnífico actor, director e compositor das bandas sonoras das súas propias películas. No filme «O grande dictador» hai unha escena onde Chaplin, barbeiro, arránxalle a cara a un cliente seguindo o ritmo e os temas da Danza húngara nº 5 de Brahms.
Xenial…!!!
Esta famosa composición do xenial Beethoven, a Bagatella en la menor WoO 59, máis coñecida como Para Elisa, pódese escoitar e mirar. Ademais de ver a partitura e a evolución das distintas melodías e acompañamentos, podemos ver como evolucionan as mans do pianista sobre o teclado con dous ángulos de visión.
AVISO: Os alumnos e alumnas do meu cole perciben un insoportable pitido moi agudo neste vídeo, que para eles é insufrible, cousa que aos profesores non nos molesta nin o percibimos… Comprobádeo! Pode que aquí estea o fundamento do famoso «mosquito», esa arma para desfacer botellóns… Ademais, desde hoxe hai unha nova versión sen o pitido, xa o advirte o vídeo.
Versión sen pitido agudo:
Nat King Cole compuxo unha fermosa canción adicada a Madrid. Despois da introdución hai unha sorpresa melódica. Toca adiviñar cal é esa famosa melodía… Semella bastante doado.
Mike Oldfield é un músico, instrumentista e compositor, que fai unha música electrónica sinfónica, empregando tamén bastantes instrumentos acústicos, a voz, con moita inspiración na música folk e clásica, cun certo carácter multiétnico.
Neste vídeo, correspondente a un concerto en Edimburgo en 1992 co gallo da presentación do seu disco Tubular Bells II, podemos apreciar estas características da súa música. Ademais, hai desde a metade do vídeo unha presentación dos instrumentos, de xeito que podería empregarse esta gravación para aprender nomes dalgúns instrumentos en inglés.
Agora, toca escoitar. The bell:
Cando un músico morre, non morre de todo, quédanos a súa obra. Michael Jackson, un músico pop metido no mundo das notas desde pequeno, acaba de falecer e onte foi a súa emotiva e espectacular despedida. A pesares das luces e sombras da súa vida, quédanos a súa música. O seus vídeos eran impactantes e innovadores desde o punto de vista visual. A música pop evolucionou coa súa obra.
Heal the world é un fermoso tema, neste vídeo coa súa letra para poder cantala…
Outro exemplo da súa música e do carácter espectacular dos seus vídeos. Estamos a falar do ano 1991: Black or White
Unha melodía sinxela e emotiva cun acompañamento ao estilo barroco soan nesta peza Á Chloris composta polo músico nado en Venezuela pero con formación francesa Reynaldo Hahn. A voz de Susan Graham móstrase no seu grande esplendor. Que fermosa voz e que grande cantante é!
Víctor Borge foi un pianista e comediante danés que desenvolveu gran parte da súa carreira musical e artística en EEUU. Neno prodixio, combinou a súa faceta concertística co humor e realizou actuacións verdadeiramente cheas de bo e fino humor, unha forma moi axeitada de difundir a música clásica.
Vexan unha proba disto neste vídeo, coa famosa Rapsodia húngara nº2 de Listz:
Hoxe é o Día Europeo da Música. No blogue Musicanaescola festexámolo facendo un exercicio de comparación interpretativa. Ademais, os protagonistas son Domenico Scarlatti e a pianista Martha Argerich.
Unha sonata de Scarlatti é unha delicia. Ademais de posuír unha forma musical propia, a sonata bipartita, dous temas que se repiten, esixe un grande virtuosismo e, sobre todo, musicalidade. A influencia da música española da época nótase en bastantes das sonatas de Scarlatti.
Traemos dous exemplos desta Sonata K141 en re menor, interpretados por Martha Argerich, en dúas épocas distintas da súa vida. Aprecian as diferenzas musicais? Interesante exercicio…
Pasou o tempo…