Rematemos o ano con moi boa música e excelente interpretación… Por que non finalizar 2011 con música de Mozart? Que veñen tempos difíciles, que vai ser un ano moi duro (sobre todo para os máis necesitados…), que a crise vai durar e que o goberno entrante está a facer todo o contrario do que dixo que ía facer (si é que dixo algo concreto…) Pois a todo isto negativo queremos opoñer a luz e a ledicia que irradia do primeiro movemento; a inspiración, a intensidade e a profundidade no sentimento do segundo movemento e a perfección e galante final de festa do terceiro movemento deste fermoso Cuarteto para frauta en re maior K 285 de Mozart. Esta música ten o poder de elevarnos sobre as nosas preocupacións e fornécenos uns minutos de auténtico goce. A interpretación de Emmanuel Pahud (frauta), Guy Braunstein (violín), Ori Kam (viola) e Olaf Maninger (celo) é extraordinaria.
Da man de MusicaEduca, coñecemos a existencia deste vídeo-conto sobre O Crebanoces de Tchaikovsky, creado por Eva Alonso, coas ilustracións de José Rubio Malagón e a factura ténica de Ismael Pantaleón.
Hai tempo que tratamos este tema. Agora, ímolo actualizar e enriquecer…
Os teléfonos Nokia popularizaron unha melodía que, utilizada de xeito predeterminado, soou e aínda soa en moitos dos seus terminais. Esta melodía está extraída do Grande Valse para guitarra de Tárrega. Neste vídeo, a primeira vez que se escota o tema é no segundo 15.
Inspirándose na técnica compositiva do contrapunto e fuga, ao xeito de Bach, o compositor Vincent Lo presenta a Fuga Nokia op.31, que ten como tema esas poucas notas. Comproben o que o tema pode dar de si…:
O pianista Marc-André Hamelin tamén realizou os seus experimentos e compuxo o Valse Irritation d’après Nokia, unha pequena peza que escoitamos e da que podemos ver a partitura:
Esta fermosa páxina coral composta por Franz Biebl (1906-2001) está perfectamente interpretada por este coro feminino Pro Musica Nyíregháza/Hungría, dirixida por Denes Szabo.
As sorprendentes modulacións que a partitura ofrece xunto coa claridade do texto e o bonito diálogo entre as voces fan desta obra unha das máis fermosas deste xénero.
Poden baixar esta partitura, e outras tamén para coro, en formato pdf nesta ligazón.
Os termos propios da linguaxe musical teñen a súa orixe no italiano. Palabras con pizzicato, tenutto, legato, appasionato, piano, con fuoco… aluden a conceptos relacionados coa expresión, coa dinámica, co tempo… Neste vídeo, un coro interpreta unha «Ensalada italiana» de Richard Geene e pode ser un bo exemplo para coñecer eses termos musicais e, o máis importante, o seu significado… Bon proveito!!
A zarabanda, danza antiga de orixe español, escrita en compás ternario e forma binaria, adoita un aire lento e solemne en Italia e Alemaña. Arcangelo Corelli compuxo esta zarabanda en re menor:
Unha versión reducida para piano e algo simplificada móstrase nesta partitura da mesma zarabanda en re menor
Realizado polo alumnado de Maxisterio de Expresión Plástica y Musical da Universidade de Málaga, presentamos este musicograma sobre o Valse das flores, da suite «O Crebanoces«, do compositor ruso Tchaikovsky.
Mozart e as funcións harmónicas é un vídeo no que se mostran as funcións harmónicas no primeiro tempo da Sonata en Do maior de Mozart dun xeito especial… Un vídeo xenial, moi didáctico e orixinal.
O instrumento máis grande, o que ten un rexistro máis grave da familia de vento metal é a tuba. Empregada na orquestra de finais do XIX e durante o XX, amósase un instrumento fundamental en agrupacións como as bandas de música nas súas diversas variantes. Tamén se emprega nas bandas de jazz. Cada vez aumenta máis o seu papel como solista.
Neste vídeo pódese apreciar toda a gama de variantes e xeitos de tocar a tuba, incluso coa utilización de sons dobres…