Dous aplicativos para LilyPond en liña

LilyPond é un editor de partituras cunha sintaxe particular pero que consegue unha calidade á hora da impresión impresionante. Ademais de Frescobaldi, podemos utilizar dous servizos en liña que permiten escribir o código, visualizar a partitura e poder descargala en formatos midi e pdf. Son:

  • LilyBin. Non precisa que o usuario se rexistre para traballar con el.

  • WebLily. Este servizo precisa que o usuario se rexistre.

Sen música de banda en Ourense desde hai 14 meses…

Estamos castigados! En Ourense levamos 14 meses sen música de banda. O conflito xurdido entre a asociación Ricardo Courtier e o Concello que rematou na convocatoria dun novo concurso está aínda sen resolver. A pesares das mostras e mobilizacións de apoio á banda que se desenvolveron, semella que os responsables culturais do Concello, respaldados polo sr Alcalde, castigaron á cidadanía á total prohibición da música de banda, tamén nas festas maiores da cidade, nas que non se programou ningún, repetimos “ningún”, concerto dunha banda de música procedente de calquera punto da xeografía galega ou española. Un auténtico despropósito! É negarlle o disfrute aos ourensáns e ás ourensás dunha manifestación cultural que se remonta a finais do século XIX, que conserva e difunde un patrimonio musical e inmaterial que é de todos nós; elimina un importante elemento dinamizador para os compositores e músicos actuais; anula un fantástico recurso educativo musical que se ofrece a toda a poboación (si, escoitando música as persoas se educan musicalmente e conseguen esa educación integral á que todos e todas aspiramos). Por outra banda, semella que esta medida contribúe a darlle pulo ao conflito case persoal que determinado grupo municipal mantén contra a agrupación ourensá.
Desexamos que a música de banda estea axiña de volta soando nas nosas rúas, prazas e auditorios. Todos seremos un chisco máis felices.

KDE – Minuet

Un proxecto que recentemente acaba de ver a luz é o KDE – Minuet, un programa de educación musical e auditiva desenvolvido dentro do escritorio KDE con tecnoloxía Qt, polo tanto podémolo atopar nas diferentes distribucións Linux, tamén dispoñible para Android, a través de Google Play. O programa vai collendo cada vez novas características e os desenvolvedores, Sandro Andrade e Ayush Shah, prometen dedicación e esforzo.

Aquí unhas instantáneas:

Fontes:

Sandro Andrade

MuyLinux

Foise co vento – Max Steiner

Unha obra importante dentro do xénero da música para o cine é a BSO de Foise co vento (V. Fleming 1939), obra do compositor vienés Max Steiner (1888-1971). Constitúe unha máxima expresión do sinfonismo de finais do século XIX levado ata as máis elevadas cotas de expresividade. Este compositor comezou nos anos trinta a compoñer bandas sonoras ata 1965. Posúe tres premios Óscar. Escoiten a versión en directo da Film Symphony Orchestra…

A Festa dos Maios 2016

A Festa dos Maios 12016 coincidiu en Ourense o día 1 de maio. Este día xuntábanse unha feira de artesanía (xa hai anos que isto sucede) e as manifestacións dos sindicatos polo Día do Traballo. Moita xente na Alameda do Concello.
Unha festa que pretende manter unha tradición: a construción dun maio xunto coas súas coplas correspondentes. Pensamos que se debe potenciar o axustarse aos cánones da tradición, sempre e cando isto non supoña un deterioro do medio ambiente. Esta primavera ten chovido moito e o musgo e demais elementos naturais foron moi abundantes.
A nós particularmente gústanos o maio tradicional, esa pirámide ergueita cuberta de musgo, rematada cunha cruz e adornada con carrabouxos, que debuxan bonitas figuras, e con xestas brancas e amarelas. Un maio cada vez menos presente na festa.
Consideramos que permitir “maios” feitos con materiais reciclados plásticos ou outros semellantes a proxectos da asignatura de Tecnoloxía da ESO, empobrece a festa. Recoñecendo que son boas ideas, cremos que non é a festa dos maios o lugar idóneo para mostralos ao público.
Tamén pensamos que acompañar o canto das coplas con guitarras contribúe a introducir un elemento alleo á tradición: aquí sempre foron as coplas cantadas a capella. Non aportan nada, posto que a melodía do canto é tan sinxela e a harmonía Tónica-Dominante-Tónica tan evidente que empobrece o carácter crítico da letra e dálle certo aire “monxil”.
A organización debería recuperar a participación de certas asociacións de veciños que, sobre todo na categoría de maio artístico, soían deixar coa boca aberta ao público recordando vellas escenas tradicionais do noso pasado labrego e gandeiro.
O xornal La Región publica unha galería sobre a Festa dos Maios 2016.

Cuarteto con piano con piano nº 3 op 60 Brahms – III Andante

Este Andante do cuarteto con piano nº 3 op 60 de Brahms posúe un encanto especial. Formalmente é unha forma ternaria modificada ABCA’. A sección A empeza cunha melodía formada por sucesións de terceiras descendentes a cargo do violoncelo. É un melodía fermosa, potente e delicada á vez, interrogativa e afirmativa, romántica..
Aquí a interpretación dos irmáns Coucheron, piano e violín; Jennifer Stumm, viola e Efe Baltacigil, violoncelo.


All of Bach

O proxecto de gravar toda a obra de J.S. Bach en formato dixital de calidade e ofrecela en streaming accesible a calquera persoa arrancou oficialmente o 2 de maio de 2014. Este proxecto chámase All of Bach.

Está respaldado pola Nederlandse Bachverenining e dirixido por Jan Van den Bossche. Quere ser coma un resumo dun período moi importante na historia da práctica interpretativa da música barroca. Cada semana, máis ou menos, engádese unha nova interpretación. Ademais de poder vivir a música, tamén nos proporcionan informacións variadas sobre a partitura, o instrumento ou o intérprete da cada unha das gravacións.

Como mostra, nesta ligazón pódese gozar coa Toccata e fuga en re menor BWV 593, Dórica (así chamada na Edición Peters para diferenciala da outra máis famosa). Está interpretada polo organista Leo Van Doesebaar no órgano da Walloom Church, en Holanda.