A danza dos cisnes – Tchaikovsky

A danza dos cisnes, pertencente ao ballet “O lago dos cisnes” de Tchaikovsky, constitúe unha partitura axeitada para traballar algúns conceptos de linguaxe musical como o grupo rítmico Ti-tiri ou o do# agudo na frauta.

Nesta ligazón teñen unha proposta de instrumentación para frauta e PAD do primeiro tema.

Tamén dispoñible a partitura en formato pdf.

Evolución da orquestra

Nesta ligazón pódese comprender a evolución da orquestra desde o Barroco ata a súa composición actual. Trátase dunha animación flash que está en inglés, pero da que se pode tirar moito partido.

CPDL

CPDL é un sitio obrigatorio para músicos interesados en partituras para coro. Neste intre, hai máis de oito mil partituras de case 1300 compositores. Todas as partituras están en formato pdf, incluso de moitas delas é posible descargarse os ficheiros fonte. Está montada a páxina nun sistema wiki que facilita a colaboraciónn dos usuarios.

Timoteo e o ladrón de cancións

Dentro da colección de contos musicais de Agruparte, e pertencente ás novidades do ano 2006, podemos destacar un conto titulado Timoteo e o ladrón de cancións. Este conto, en Castelán, gañou o I Concurso de Contos Musiciais da FOFGC. O autor da música e do texto é José Antonio Esteban Usano. Un conto interesante, con momentos argumentais e musicais ben conseguidos. Por certo, Timoteo toca a gaita e claro, como non forma parte da orquestra sinfónica, a instrumentación que simula unha gaita é o oboe como punteiro e o corno inglés como roncón coa axuda do clarinete para redondear a melodía. Este sería un bo conto para traducilo ao galego e utilizar a gaita galega coa orquestra, cousa que non tería que escandalizar a ninguén.