25 de xullo. Día de Galicia.

Galicia faise día a día. O 25 de xullo ten moitos significados, case tantos coma galegos. Para uns é un día de festa; para outros,un dí­a de festa relixiosa; para outros é un día de reivindicación e para outros, un día coma outro calquera. Cada un que lle dea o seu propio significado.
Para festexar esta data traemos a primeira estrofa do poema de Ramón Cabanillas, Galicia:

¡Galicia! Nai e Señora

sempre garimosa e forte;

preto e lonxe; onte, agora,

mañán… na vida e na morte!

Tamén publicamos o Himno Nacionalista Galego, con letra de Alfredo Brañas e Música de Iglesias Alvariño.

Pange Lingua 5º ton – Bruna

O Pange Lingua de 5º ton de Pablo Bruna (1611-1679) é unha obra baseada no Pange Lingua mozárabe que era moi popular daquela. Soa na man esquerda mentres que a man dereita vai desenvolvendo imitacións entre dúas voces con trocos rítmicos.
Esta partitura é a primeira que edito directamente co programa Lilypond (levoume unha chea de horas).
Formato pdf
Aquí está en Musescore:

A música de cine BSO

As Bandas Sonoras Orixinais son un xénero musical importante onde atoparnos con compositores e momentos musicais impresionantes. Estes días puidemos escoitar e ver no Canal Clásico o concerto que Trevor Jones dirixíu á OCRTVE o ano pasado con motivo de Soncinemad. Soaba a súa propia música e hei dicir que disfrutamos moitísimo, en especial, dalgúns intres espectaculares conseguidos cunha orquestra completa reforzada con guitarra, baixo eléctrico, acordeón, sintetizador… e un coro feminino. Por certo, no mercado podemos atopar un disco dobre con este concerto.
Hai tamén moitos outros estupendos compositores como John Williams, John Barry, Ennio Morricone, José Nieto…
Para adentrarse neste mundo, propoñemos dúas páxinas:

A sinfónica de San Francisco e a educación musical

As grandes sinfónicas de USA tómanse moi en serio o tema da educación musical xa que, ademais de contribuír á formación integral dos rapaces están creando afeccionados e abonados para o futuro.

A Sinfónica de San Francisco posúe un curruncho adicado aos máis cativos. Entre outras actividades en liña, aquí­ pódese sintonizar unha emisora de radio, experimentar cos elementos da linguaxe musical nun laboratorio musical ou coñecer os instrumentos da orquestra. Evidentemente todo está en inglés, pero moitas actividades pódense realizar sen problemas.

Dous musicogramas para o Primeiro Ciclo de Primaria

O musicograma é un recurso que facilita a escoita musical e a identificación dalgúns elementos da música, en especial, do timbre e da forma musical. Desde logo, o mellor musicograma é a partitura. Pero hai outros máis accesibles, máis gráficos, intuitivos e, coas novas tecnoloxías, estupendos para cumprir os seus propósitos.

Traemos aquí dous musicogramas para o Primeiro Ciclo de Primaria:

Libertango

A liberdade na arte, a liberdade dentro dun xénero, a liberdade… Piazzolla compuxo Libertango, unha peza que chama a atención pola súa orixinalidade rítmica e melódica dentro dos cánones do tango.

A escoitala, interpretada polo propio autor e o seu quinteto, nesta gravación no programa do grande da divulgación musical Ángel Casas, en 1985.

Sorprendente mestura…

Que pensarían se lles dixese que é posible tocar a frauta traveseira e, á vez, facer unha caixa de ritmos coa boca? Case incrible, pero…. non. Contemplen o resultado. Greg Patillo combina algúns temas coñecidos cunha caixa de ritmos bucal, típica do Hip-hop ou dos DJ’s. Bo traballo melódico, rítmico e, sobre todo, respiratorio.

O Theremin

O Theremin foi o primeiro sintetizador da historia. Inventado polo soviético Thermen en 1919, consta dunha caixa con dúas anteas. A da esquerda (desde o punto de vista do músico) ten forma de bucle e con ela contrólase a intensidade (se aproximas a man baixa o volume e se a alonxas, sobe). A da dereita é unha antea vertical na que se controla a frecuencia (a altura do son): se achegas a man, aumenta a frecuencia (máis agudo) e se alonxas a man, diminúe a frecuencia (máis grave).

Poden comprobalo neste vídeo: