O cancioneiro de Torner e Bal y Gay

Temos nas nosas mans unha pequena xoia. Trátase da reedición do “Cancionero Gallego” de Martínez Torner e Bal y Gay que a Fundación Pedro Barrié de la Maza vén de realizar co gallo do seu corenta aniversario.
É unha fermosa edición facsímil que conta, ademais, cun magnífico estudo crítico do profesor Carlos Villanueva.
Non sería boa idea que a Consellería de Educación, soa ou xuntamente coa de Cultura, financiasen unha edición menos luxosa deste cancioneiro pero útil e imprescindible para as aulas de música e bibliotecas dos nosos centros de ensino de Primaria, Secundaria e Conservatorios? O estudo deste cancioneiro e a súa adaptación e incorporación ao repertorio escolar revitalizaría e aumentaría o coñecemento e a valoración do noso folclore galego, sería un modelo para futuras investigacións neste eido e contribuiría notable e eficazmente na normalización do Galego. Non sería esta unha inversión totalmente rendible?
Déixense de tanto plan, plan e plan e acometan medidas sinxelas, realistas e eficaces.

A marimba e … Bach

A marimba é un instrumento idófono, de percusión, con láminas. É un instrumento de son afinado e polifónico. As súas láminas son de madeira e cada lámina posúe un tubiño afinado na mesma nota que constitúe a caixa de resonancia e amplifica o son.

Neste vídeo, o intérprete toca unha transcrición do Air da Suite nº 3 BWV 1086 de Bach. Nesta interpretación de Rudi Bauer escoitamos unha magní­fica lectura da música de Bach e unha grande musicalidade.

Frauta doce subcontrabaixo

Así coma no órgano, existe un rexistro grave chamado Subbaixo, tamén na familia da frauta doce, pódese contruír e empregar a frauta subcontrabaixo. Vexan o seguinte vídeo no que se presenta este instrumento, afinado a 432, é dicir, case un semitón menos ca a afinación actual, propio da música antiga:

Os salvaxes – Rameau

Despois do artigo anterior no que tratamos a música de Rameau, agora tócalle a quenda á súa música: Os salvaxes que pertence á quinta suite das “Novas suites para clavecín” que apareceron en 1.728.

Nesta partitura omitimos calquera signo referido aos adornos.

Dispoñible tamén en pdf.

A ópera-ballet de Rameau

Rameau é un dos grandes do Barroco Francés. O seu traballo teórico (sistematizou a harmonía da súa época e comezou dentro dos acordes coas súas inversións), como clavecinista (xunto con Couperin, os dous grandes) e, sobre todo, no terreo da ópera, a ópera-ballet ata chegar á comedia-ballet, fan del unha figura senlleira e única.

Onte puidemos disfrutar da comedia-ballet “Les Paladins“, en MezzoTv, que pasan por Digital+ (por certo, unha marabilla de canle). Pasei un tempo totalmente evadido do mundo escoitando a beleza da música, unha música que soa a popular pero sen ter esa orixe, unha música viva, unha música que che pon en movemento dada a súa riqueza e viveza rítmica e contemplando unha posta en escea áxil, divertida, moderna, que tira partido das novas tecnoloxías, unhas danzas actuais pero con aires da época… Unha realización e un espectáculo completo. ¡Grazas, Mezzo TV!