Sinfonía Simple – Benjamin Britten

O compositor británico Benjamin Britten compuxo en 1934 unha obra só para instrumentos de corda, que titulou Sinfonía Simple, na que deu forma definitiva a algúns temas que tiña ideados cando era máis novo. Os seus catro movementos son:

  • Boisterous Bourrée: a forma sonata con texturas contrapuntísticas neobarrocas.
  • Playful Pizzicato: un scherzo clásico que se toca a fume de carozo, e moi bonito.
  • Sentimental Saraband: unha deliciosa peza que soa acanción modal inglesa.
  • Frolicsome: un movemento final moi vivo con cambios rítmicos salientables.

Dúas versións:

En directo, pola Orchestre Royal de Chambre de Wallonie dirixida por Jean-Pierre Wallez:

Coa partitura:

 

 

Faleceu Dorothé Schubarth, musicóloga

A musicóloga suíza Dorothé Schubarth vén de falecer o pasado mércores 6 de setembro. Profesora de Harmonía e Contrapunto na Academia de Lucerna, dedicouse a estudar a música popular europea dos Balcáns, Cáucaso, Alemaña e Francia. Nas vacacións de 1978 chegou a Galicia, percorreu o país e rexistrou grabacións de música popular galega durante anos e aplicou a metodoloxía científica da musicoloxía para clasificar, analizar e estudar todo o material recollido. Xunto co filólogo Antón Santamarina, publicaron o Cancioneiro Popular Galego, con sete volumes, que foi financiado pola Fundación Barrié de la Maza.
No ano 2014, a musicóloga doou todos os seus rexistros sonoros ao Museo do Pobo Galego e ao Consello da Cultura Galega, entidades nas que é posible acceder a todo ese material de valor incalculable.
Persoas como Dorothé poñen en valor a calidade da nosa cultura e a nós, tócanos amosar o noso agradecemento polo seu traballo e por ser unha pioneira neste ámbito e espallar o seu traballo.

Sonatina – Antón García Abril

O compositor e profesor Antón García Abril finou o 17 de marzo de 2021 e deixounos unha morea de obras sinfónicas, óperas, música de cámara, para instrumento solista ou sintonías de programas de televisión e bandas sonoras de películas. Foi un compositor que se empapou de todas as vangardas do seu tempo, pero que non renunciou ao pracer e compoñer melodías. Queremos homenaxear a este xenial músico español coa audición da obra para piano “Sonatina”(Alegretto – Arietta – Finale), neste vídeo interpretada maxistralmente pola pianista María Canyigueral, no Auditorio Josep Vider de Girona.

 

 

Buddy Bolden Suite – Roberto Somoza

A Buddy Bolden Suite, de Roberto Somoza, interpretada polo Quinteto de metais da OSG, fainos viaxar aos anos vinte do século pasado directamente desde este século da man dunha fermosa e ben pensada e sentida música. Budy Bolden foi un cornetista de Nova Orleans que, a finais do século XIX, andaba a crear un novo estilo de música: o jazz.

Nos catro números desta suite hai momentos esixentes para cada instrumentista e o conxunto resultante é unha música dunha delicadeza exquisita. Parabéns ao compositor, que é un bo coñecedor da música de jazz desa época. Tamén a nosa noraboa aos excelentes intérpretes.

Un pequeno tren de pracer – Rossini – Roberto Prosseda

Rossini, un grande da Música, despois da estrea de Guillermo Tell, xa non compuxo máis música escénica, retirouse. Pero a súa vea compositiva non parou e adicouse a compoñer pequenas pezas de salón, que son verdadeiras xoias, bastante descoñecidas polo público. Desde 1857 ata 1868 compuxo arredor de 150 obras vocais e instrumentais, que non estaban pensadas para a súa publicación. Son obras nas que o compositor está moi inspirado e no que se mostra como precursor de procedementos e técnicas que virían máis tarde no tempo. Son as Péchés de vieillesse (Pecados de vellez) reunidas en catorce álbumes temáticos.

Como mostra, presentamos Un pequeno tren de pracer, música descriptiva e narrativa, interpretada ao piano polo estupendo Roberto Prosseda, nun concerto organizado en 2013 pola Fundación Juan March.

Rogelio Groba: un músico universal

O día 1 de xaneiro de 2023 faleceu o prolífico compositor Rogelio Groba, nado en Ponteareas en 1930. Un autor que nos deixa máis de 700 composicións, director de orquestra e profesor de harmonía, contrapunto e composición. Tamén foi director do CS de A Coruña. Con el, a música galega contemporánea adquire unha dimensión universal.

Danza meigas – Rogelio Groba

Verseto XX – L Boëllmann

Leon Boëllmann foi un compositor francés que dedicou a meirande parte da súa obra ao órgano. Foi nomeado organista titular da igrexa de San Vicente de Paul, en Paris, e tivo á súa disposición un órgano Cavaillé-Coll.

A obra Heures Mystiques é unha escolma de pequenas pezas para órgano ou harmonio con títulos referidos a momentos da misa nos que o órgano tiña un papel importante: entradas, ofertorios, consagracións, comunións, saídas… Tamén ten versetos.

Ofrecemos o Verseto XX, moi sinxelo.