Buddy Bolden Suite – Roberto Somoza

A Buddy Bolden Suite, de Roberto Somoza, interpretada polo Quinteto de metais da OSG, fainos viaxar aos anos vinte do século pasado directamente desde este século da man dunha fermosa e ben pensada e sentida música. Budy Bolden foi un cornetista de Nova Orleans que, a finais do século XIX, andaba a crear un novo estilo de música: o jazz.

Nos catro números desta suite hai momentos esixentes para cada instrumentista e o conxunto resultante é unha música dunha delicadeza exquisita. Parabéns ao compositor, que é un bo coñecedor da música de jazz desa época. Tamén a nosa noraboa aos excelentes intérpretes.

Un pequeno tren de pracer – Rossini – Roberto Prosseda

Rossini, un grande da Música, despois da estrea de Guillermo Tell, xa non compuxo máis música escénica, retirouse. Pero a súa vea compositiva non parou e adicouse a compoñer pequenas pezas de salón, que son verdadeiras xoias, bastante descoñecidas polo público. Desde 1857 ata 1868 compuxo arredor de 150 obras vocais e instrumentais, que non estaban pensadas para a súa publicación. Son obras nas que o compositor está moi inspirado e no que se mostra como precursor de procedementos e técnicas que virían máis tarde no tempo. Son as Péchés de vieillesse (Pecados de vellez) reunidas en catorce álbumes temáticos.

Como mostra, presentamos Un pequeno tren de pracer, música descriptiva e narrativa, interpretada ao piano polo estupendo Roberto Prosseda, nun concerto organizado en 2013 pola Fundación Juan March.

Rogelio Groba: un músico universal

O día 1 de xaneiro de 2023 faleceu o prolífico compositor Rogelio Groba, nado en Ponteareas en 1930. Un autor que nos deixa máis de 700 composicións, director de orquestra e profesor de harmonía, contrapunto e composición. Tamén foi director do CS de A Coruña. Con el, a música galega contemporánea adquire unha dimensión universal.

Danza meigas – Rogelio Groba