A primeira peza coa que o compositor Leroy Anderson obtivo o seu primeiro grande éxito foi Jazz pizzicato. Lembremos que o pizzicato é unha técnica propia dos instrumentos de corda fretada (violín, viola, violoncelo e contrabaixo) que consiste en beliscar as cordas cos dedos, sen empregar o arco para nada.
Aquí lles ofrecemos unha boa versión para instrumentos de placa tocados por rapazas e rapaces:
O clarinete é un instrumento aerófono de lingüeta simple. Constrúese en madeira con chaves metálicas. O mecanismo de chaves permite tapar moitos máis buratos ca dedos temos os humanos. Posúe tres rexistros: no rexistro grave ten un timbre oscuro, dramático e con moita personalidade; no rexistro medio, o timbre é claro, mentres que no rexistro agudo amósase brillante e penetrante. É un instrumento que ofrece unha grande variedade dinámica e posibilita a interpretación de pasaxes moi veloces e arpexiados. É un instrumento moi popular. Utilízase na orquestra sinfónica, tocando como solista ou con orquestra, con piano, en formación de música de cámara de vento madeira, nas bandas de música, nas murgas, na música popular típica de moitas culturas e países…
Aquí temos o Segundo movemento do Concerto para clarinete e orquestra de Mozart interpretado polo xenial Martin Fröst:
Tamén pode tocar acompañado dun piano, como é o caso do Terceiro movemento da Sonata para clarinete de Francis Poulenc:
Este vídeo é impagable. Ofrece a posibilidade de ter toda xunta á grande familia do saxofón: sopranísimo, sopranino, soprano, alto, tenor, barítono, baixo e contrabaixo…
O jazz constitúe unha forma de facer música que permite a fusión entre músicas de culturas diferentes. Escoitando e vendo este vídeo podemos apreciar ademais da convivencia entre instrumentos de dous continentes, como na atmosfera musical mestúrase o irlandés con música propia da India. Atención ao que sucede a partires do minuto 4,35: unha pasada!!! Hai moitos detalles para fixarse desde atopar un very good ata as mans dos dous primeiros vocalistas que fan desde o principio un obstinato sin fin cunha secuencia determinada entre anverso e reverso da man (serán oito pulsos, 6 e 8 con reverso da man???). Temos improvisación, pregunta-resposta, imitación e polirritmia…
No Concerto de Aninovo 2010, a Orquestra Sinfónica de Viena dirixida por George Prêtre interpretou na segunda parte unha obertura de Offenbach que logo empregaría na Barcarola da ópera Os contos de Hoffmann. Isidro Vidal realiza unha nova e fermosa presentación con este tema que pon a disposición de todos nós.
Pablo Sarasate, (1844-1904), adicou a súa vida musical ao violín (foi un dos mellores violinistas de todos os tempos) e á composición. O músico navarro compuxo obras onde o virtuosismo e a musicalidade son esixencias imprescindibles para os intérpretes.
O zapateado, obra para violín e piano, amosa as características singulares da música de Sarasate. Case todas as técnicas interpretativas neste instrumento están condensadas na obra. No vídeo que propoñemos, o violinista Gil Shaham aúna unha espectacular técnica e unha musicalidade extraordinaria:
A Fantasía sobre Carmen de Bizet esixe ademais de saber transmitir eses intres tan íntimos dalgúns momentos da obra unha grande resistencia física (fixarse no segundo vídeo ao final…):
Sarasate, na súa faciana compositiva, prestou moita atención ao folclore de España. Títulos como Xota aragonesa, Serenata andaluza, Zortzico de Iparraguirre… e Muiñeira. Efectivamente, Sarasate non quixo esquecer Galicia e compuxo esta Muiñeira op 32 para violín e piano.
Carlos Núñez realizou unha impresionate versión para frauta e orquestra que se pode escoitar neste vídeo. É de valorar o grande e espectacular traballo interpretativo do solista:
.
Despois de comezar o ano co Concerto de Aninovo desde Viena, non estaría mal seguir agora coa música de Mozart. Nesta máquina musical, só cómpre premer na manivela para cambiar de tema musical.