Xoves, 21 de Maio de 2009
Unha páxina moi completa sobre a voz humana con teoría, vídeos explicativos, audicións e vídeos de artistas con diferentes voces podémola atopar nesta páxina La Voz do Departamento de Música do IES Mateo Alemán.
Aquí temos un mapa conceptual sobre a clasificación das voces moi útil e moi ben realizado. Ademais é multimedia, é dicir, incorpora son para poder ilustrar musicalmente os conceptos.
Domingo, 17 de Maio de 2009
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2009
Esta terra ten fala
de seu, como unha rosa,
mais un vento de morte
quere tirarlle as follas.
Palabras para o amor,
a xenreira e a loita,
palabras como pétalos,
que rin e tamén choran.
Palabras que dixeron
os avós e as avoas.
Ao falarmos Galego
na nosa voz ecoan.
Palabras dunha lingua
feita á medida nosa,
se as deixamos caer
non teremos Historia.
Marica Campo
Categorías: Xeral Etiquetas:
Domingo, 10 de Maio de 2009
No mes de maio en moitas zonas de Galicia constrúense maios e invéntanse unhas coplas con aire crítico que os neos e os maiores cantan.
En Ourense celébranse o dia 3 de maio, festa da Santa Cruz. Por iso, o maio enxebre é unha pirámide que remata nunha cruz, feita de madeira, tea de saco, brións e colares de carrabouxos e flores de xesta branca e amarela. Logo están os maios artísticos que representan escenas típicas.
Traemos aquí unha cantiga de maio, concretamente de Vilalba (Lugo) que aparece no Cancioneiro de Torner e Bal y Gay. Si, nese cancioneiro que debería estar obrigatoriamente nas aulas de música de todas as escolas galegas… A melodía é alegre cunha inflexión no final da primeira semifrase moi lírica.
Dispoñible en pdf
Sábado, 9 de Maio de 2009
“A Asociación de Gaiteiros Galegos preséntavos un novo traballo audiovisual que leva por nome Trece Lúas. As lúas que compoñen o ciclo do ano, ou os doce meses do calendario; as lúas que dende tempos ancestrais foron guía da vida; as lúas que puxeron data aos traballos e tamén ás festas; as lúas que levan aparelladas unha fonda tradición cultural que chega ate os nosos días e agora queremos lembrar. Esta é unha viaxe no tempo, unha viaxe de doce meses con cadansúa canción, co ciclo do ano como fondo da escena.”
Así é como se presenta este novo traballo da AGG na súa páxina web.
Seguro que ten grande utilidade na escola.

Sábado, 2 de Maio de 2009
Esta famosa Sarabande en re menor, pertencente á suite para clave na mesma tonalidade composta por Haendel, é unha famosa obra que ten aparecido como banda sonora dalgunha película.
O procedemento da variación está moi presente nesta composición. Hai que recoñecer que Haendel era un mestre deste recurso compositivo. Non resulta pois raro que outros dous mestres da variación posteriores no tempo, Beethoven e Brahms, estudasen esta música.
A sarabanda en formato pdf